Marín reduce a participación de vendedores no mercado ambulante e Poio atrasa as sesións dun circo ante as medidas restritivas
Por Anxo Lourido
Os alcaldes de Pontevedra, Marín, Poio, Vilaboa e tamén de Sanxenxo mantiñan un encontro co comité técnico de seguimento da Consellería de Sanidade, presidido polo conselleiro Julio García Comesaña, para ver a incidencia dos casos activos de Covid nestes municipios que, salvo o de Sanxenxo, mantéñense con medidas de restrición
No Concello de Pontevedra, os positivos ascenden a 299, con tres casos novos respecto a a xornada do mércores 16.
En Marín, segundo os datos facilitados pola alcaldesa María Ramallo, rexístranse 46 casos activos positivos e 106 persoas que se atopan en seguimento por parte dos servizos sanitarios.
Segundo a rexedora, a tendencia é á baixa pero, en todo caso, anuncia que seguirán estudando os brotes específicos que se produzan na vila. Segundo indicaron as autoridades sanitarias, en Marín o virus está a afectar especialmente a xente nova.
Por este motivo, o goberno local vai reducir ao 50% os postos de instalación no mercado ambulante, que se irán turnando segundo as súas licenzas. Desta forma, a próxima semana só poderán realizar vendas os vendedores que conten con licenza terminada en número par. Tamén anuncian un maior control por parte da Policía Local para garantir o cumprimento das medidas, con especial incidencia no sector da hostalería.
POIO
Luciano Sobral, alcalde de Poio, municipio que tamén se atopa en situación de restrición, conta con 35 positivos en Covid-19. 90 persoas máis se atopan en seguimento periódico baixo control das autoridades sanitarias por entrar en contacto con persoas infectadas.
O alcalde entende que se está producindo unha estabilización no número de casos activos e solicita á cidadanía que non baixe a garda. As medidas restritivas manteranse no municipio ata a próxima reunión co comité de expertos prevista para o martes 22 de setembro.
En Poio, segundo o goberno local, reforzouse a sinalización habilitada na ponte da Barca para regular o tránsito peonil e manter a distancia de seguridade, evitando cruces. Desta forma, os peóns deberán camiñar no mesmo sentido que o tráfico rodado. Esta situación tamén se mantén en zonas onde se poden rexistrar aglomeracións como no centro histórico de Combarro.
Tamén se acordou cos responsables do circo instalado na Seca o aprazamento da actuación ata que a situación sanitaria permita realizar as sesións. A carpa seguirá instalada na zona á espera de que se levanten as medidas restritivas. Segundo Sobral, os permisos concedéronse antes de que Poio contase coas restricións e a actividade prevista cumpre coas normas de distanciamento, capacidade e hixiene decretadas polas autoridades sanitarias.
VILABOA
No municipio de Vilaboa, o número de casos activos é de 20 pacientes. 48 persoas máis están en seguemento.
Segundo o goberno local, detéctase unha ralentización nos contaxios pero van manter a garda durante os vindeiros días. Insisten en lembrar á cidadanía que é responsabilidade xeral respectar as medidas restritivas e as recomendacións sanitarias.
SANXENXO
Telmo Martín, alcalde de Sanxenxo, tamén participou neste encontro co comité técnico da Consellería de Sanidade. Nestes momentos están rexistrados 27 casos activos neste municipio turístico.
O alcalde pide responsabilidade á hostalería, comercio e cidadanía en xeral para que extremen as medidas de seguridade para evitar que se adopten medidas máis drásticas. Segundo explicou, os resultados PCR que se realizaron ao alumnado e profesorado do colexio Magaláns de Dorrón deron negativos. Por este motivo, volverán ás aulas o 26 de setembro tras gardar a corentena establecida polo protocolo sanitario.
Relacionadas:
-
Falece un home de 56 anos por Covid en Pontevedra e continúa a escalada de casos: 585 activos na área sanitaria
Por Redacción |
-
Lores, "preocupado" ante a pandemia: "A impresión que teño é que non se están a facer os protocolos como din"
Por Alejandro Espiño |
-
Educación contratará preto de 2.000 docentes para atender as demandas expresadas desde os centros de ensino
Por Redacción |
-
Sanxenxo aproba un protocolo para reabrir con seguridade as casas de cultura
Por Redacción |
-
O positivo dunha educadora na Escola Infantil Casa do Mar de Marín pon en corentena varios menores
Por Oskar Viéitez |