Marcos Rey tomará posesión o luns como novo edil de Benestar Social
Por Alejandro Espiño
O socialista Marcos Rey incorpórase ao goberno municipal. Será como novo edil de Benestar Social e Animal, en substitución de Paloma Castro, que renunciou ao seu posto tras ser elixida deputada autonómica polo PSdeG-PSOE nas eleccións galegas do pasado mes de xullo.
Rey, carteiro de profesión e presidente da comunidade de montes de Verducido, tomará posesión no pleno que a corporación municipal celebrará o próximo 21 de setembro. El foi no seu día en número 5 da candidatura encabezada por Tino Fernández.
Nesta mesma sesión plenaria será efectivo o pase de Goyo Revenga, edil expulsado de Cidadáns por apoiar o orzamento municipal de Pontevedra, a concelleiro non adscrito.
Entre os asuntos que se tratarán no pleno, segundo explicou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, estará a adhesión de Pontevedra á rede de Espazos Ágora, impulsada pola Deputación de Pontevedra para mellorar o espazo público dos concellos da provincia.
Ademais, aprobarase a modificación do PXOM para abrir á cidade as vivendas militares de Campolongo e Rosalía de Castro e, previsiblemente, tamén a nova ordenanza de mobilidade.
Respecto das críticas que determinados colectivos fixeron a esta normativa, Fernández Lores lembrou que durante o período de exposición pública non se presentaron alegacións, polo que "calquera modificación terá que ser posterior" á súa aprobación no pleno.
O alcalde abriu a porta para tratar estas "discrepancias" pero aprecia "certa sobreactuación" nos contrarios a esta norma que, segundo detallou, recolle todas as normativas que "xa se estaban a aplicarse na cidade" e que supoñen un "paso adiante".
Relacionadas:
-
Despedida entre bágoas de Paloma Castro, que deixa o Concello para abrir unha nova etapa no Parlamento
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Paloma Castro despídese "satisfeita" coa resposta rápida que Benestar Social deu ás necesidades marcadas pola Covid-19
Por Anxo Lourido & Cristina Saiz |
-
O PSOE de Pontevedra ficha a Marcos Rey para a súa candidatura local
Por Oskar Viéitez |