Sanxenxo aproba un protocolo para reabrir con seguridade as casas de cultura
Por Redacción
Sanxenxo xa ten listo o seu protocolo de seguridade e hixiene para a reapertura das casas de cultura do municipio con todas as medidas necesarias de prevención fronte á Covid-19.
Os colectivos culturais ou asociacións que desexen utilizar estes espazos deberán facelo previa reserva e seguindo o plan previamente acordado co departamento de Cultura. "Somos conscientes que debemos responder á demanda dos colectivos. O Concello asume unha limpeza diaria, pero é preciso a colaboración e a implicación de todos”, indica a concelleira Paz Lago.
O Concello farase cargo da limpeza diaria das instalacións da Casa de Cultura de Dorrón, o Pazo de Emilia Pardo Bazán, a Casa de Cultura de Adina, así como os edificios de usos múltiples de Portonovo e Vilalonga. A limpeza nas casas de cultura de Bordóns e de Nantes realizarase en función da demanda.
Cada un dos centros contará en cada espazo dun produto de desinfección para que cada colectivo ou usuarios realice a desinfección antes e despois de cada uso para garantir a limpeza. Os usuarios deben comprometerse ademais en ventilar regularmente os espazos por un período de 15 minutos e non deixar ningún material na sala que ocupen.
O acceso ás instalacións estará limitado aos usuarios, polo que os acompañantes deben esperar fóra. A entidade ou colectivo solicitante do espazo debe comprometerse a manter a distancia de seguridade, o uso de máscara, higienización con hidrogel e o control de aforo (recoméndase un máximo de dez persoas). Deberán contar tamén cun rexistro de usuarios por cada actividade e unha declaración responsable de boa saúde.
A reserva do espazo deberá ir acompañada dun compromiso asinado de acatar as normas que deberá ser entregado na Concellería de Cultura.
Relacionadas:
-
Marín reduce a participación de vendedores no mercado ambulante e Poio atrasa as sesións dun circo ante as medidas restritivas
Por Anxo Lourido |
-
A Casa de Don Fernando abre as súas portas para atender temas deportivos e de xuventude en Sanxenxo
Por Redacción |
-
Sanxenxo propón crear un museo de cultura gastronómica no Pazo de Quintáns
Por Redacción |