Pontevedra acollerá o 'cumio de alcaldes' do Eixo Atlántico pola reconstrución post-COVID
Por Alejandro Espiño
Trinta e un alcaldes de cidades de Galicia e o norte de Portugal confirmaron a súa asistencia á 'conferencia de alcaldes' para a reconstrución post-COVID19 que o Eixo Atlántico celebrará o vindeiro xoves 17 de setembro en Pontevedra.
Todos eles, xunto con expertos en diversas materias económicas e sociais, debaterán as políticas a desenvolver para superar a crise provocada pola pandemia e reforzar a resiliencia das cidades para previr os efectos de futuras crises que puidesen producirse.
Desde o Eixo Atlántico destacan que é a primeira vez que na Península Ibérica, tanto en España como en Portugal, os alcaldes de dous países que constitúen un sistema urbano trasfronterizo, asumen conxuntamente o liderado do proceso e reúnense para buscar solucións comúns á maior crise que viviu Europa desde a segunda guerra mundial.
Esta crise, sinalan desde o organismo, demostrou o "papel determinante" que os concellos teñen na xestión dunha pandemia destas características, ao garantir "servizos sociais esenciais" á poboación no medio do confinamento.
Pero a maiores, a COVID-19 mostrou aspectos "inéditos" que, segundo o Eixo Atlántico, "deben ser tomados en consideración con carácter prioritario na nova etapa que se abre".
Así, os alcaldes entenden que se debe reforzar a mobilidade "sostible" das cidades para incrementar o transporte público e reducir a contaminación ou "corrixir" a dependencia "excesiva" na produción de bens de terceiros países, especialmente do sueste asiático.
Ademais, o Eixo Atlántico estima que a falta de reforzo da sanidade pública ou o déficit de investimentos na investigación "mostraron o seu efecto máis perverso durante a crise" e son ámbitos nos que deben actuar as cidades e os seus respectivos gobernos.
A creación de emprego e actividade económica, a aposta pola investigación e a innovación, o mantemento das políticas sociais fronte a "subsidios de carácter populista" ou o reforzo da sanidade, a educación e as políticas ambientais serán os eixos sobre os que debatan os alcaldes e os expertos en Pontevedra.
Entre os expertos que confirmaron a súa asistencia atópase Carlos Moedas, ex comisario europeo de Investigación, Ciencia e Innovación; Fernando González Laxe, ex presidente da Xunta e co director do Foro Económico de Galicia; José Soeiro, ex responsable do Instituto Financeiro de Desenvolvemento Rexional de Portugal; ou o investigador Carlos Carracedo.
Tamén participarán, entre outros, María João Rauch, consultora da OCDE; Emilio Fernández Suárez, ex director xeral de Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia; Andoni Aldekoa, profesor convidado da Universidade George Washington; Carmen López, avogada experta en emprendemento e José Luis Méndez Romeu, ex secretario de Estado de Cooperación.
A través de videoconferencia estarán José Palma, ex director de Cooperación da Comisión Europea, Miguel Poiares Maduro, ex ministro portugués de Desenvolvemento Rexional e director do Instituto de Estudos Europeos de Florencia; e Joaquim Oliveira Martins, director adxunto do Centro de Emprendemento, PEME, Rexións e Cidades da OCDE.
As ideas resultantes deste debate configurarán as actuacións que o Eixo Atlántico propoñerá aos gobernos de Portugal e España, así como á Xunta de Galicia, para ser incluídas nas políticas de reconstrución tras a pandemia da COVID-19.
Ademais, servirán para que os concellos, no marco das súas competencias, acometan solucións de forma "conxunta e complementaria", evitando "a dispersión, a duplicidade e o enfrontamento" nunha etapa na que é imprescindible unha xestión coordinada da crise.