Reunión entre a alcaldesa de Marín e a conselleira de Medio Ambiente para axilizar a construción do Auditorio
Por Redacción
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, mantiña unha reunión de traballo coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, para avanzar nos prazos de construción do novo Auditorio Municipal, proxectado na zona portuaria.
María Ramallo informou á conselleira do punto no que se atopan os traballos previos á construción do Auditorio. Despois de todo o proceso de elaboración de pregos e de licitación desta obra, o equipo de arquitectos que resultou gañador do concurso está neste momento a rematar o proxecto definitivo do Auditorio, que será entregado oficialmente no Concello nas vindeiras semanas.
Segundo informa a Consellería, unha vez que se conte co proxecto definitivo, Xunta e Concello impulsarán un convenio de colaboración económica co que garantir a materialización desta infraestrutura cultural.
Tanto a alcaldesa como a conselleira coincidiron en sinalar que unha colaboración destas características facilita poder ofrecer a nivel municipal un mellor e máis amplo abano de servizos públicos para a veciñanza e contribuír deste xeito a revitalizar o tecido sociocultural de Marín. Xa que logo, esta infraestrutura dará resposta á demanda e á necesaria oferta de contidos culturais de cara á cidadanía marinense.
Ademais, a construción do Auditorio enmárcase nunha rehumanización global da zona, redundando nunha mellora deste espazo urbano de uso público, segundo se lembrou nesta reunión.
Relacionadas:
-
A Xunta cofinanciará con 2 millóns de euros á construción do novo Auditorio de Marín
Por Redacción |
-
Haberá colaboración económica da Xunta para financiar o novo auditorio de Marín
Por Redacción |
-
Presentan o documento que marcará as liñas construtivas do Auditorio de Marín
Por Redacción |
-
Así será o futuro auditorio de Marín
Por Oskar Viéitez |
-
Un comité de expertos avaliará as ofertas para o auditorio
Por Redacción |
-
O futuro auditorio de Marín terá capacidade para 550 espectadores e aparcamento soterrado
Por Redacción |