Carmela Silva pide a Feijoo un cume entre Xunta e deputacións para repartir recursos cos que afrontar a pandemia
Por Redacción
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, remitiu este martes unha carta ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, na que lle solicita que convoque canto antes unha reunión coas catro deputacións galegas para que o goberno autonómico informe de como van achegar ás entidades locais os recursos postos a disposición polo Goberno central para afrontar o novo escenario xerado pola pandemia da Covid-19.
No escrito, a mandataria socialista pide a Feijoo que cite tamén á Fegamp e aos alcaldes das sete grandes cidades de Galicia. Considera Silva que eses fondos van permitir ás administracións locais afrontar investimentos derivados da pandemia e lémbralle ao presidente autonómico que "outras comunidades xa o fixeron reuníndose con entidades locais".
"A Xunta non puxo a disposición dás entidades locais os recursos que precisabamos para garantir dereitos e servizos imprescindibles hoxe mais que nunca, polas novas necesidades derivadas da crise sanitaria”, lamenta a presidenta, quen puntualiza que a Unión Europea e o Estado xa habilitaron os recursos para as autonomías.
Conclúe a carta Carmela Silva cun chamamento á colaboración entre institucións. "A cogobernanza é a ferramenta que pode permitir que a cidadanía visualícenos como a representación pública que responde ás súas demandas”.