Seis días de folga na conserveira Thenaisie para forzar a implicación da Xunta na garantía dos empregos
Por Redacción
Continúa a situación de incerteza para a conserveira Thenaisie Provote, que conta con centros de traballo no Grove e en Mos. O comité de empresa decidiu convocar seis xornadas de folga para reclamar a implicación da Xunta de Galicia nesta situación actual cando a empresa atópase en concurso de acredores e parte do cadro de persoal está en ERTE.
A parte laboral demanda un proxecto industrial que permita garantir a actividade desta empresa co mantemento dos actuais postos de traballo. Os representantes dos traballadores entenden que é necesaria a intervención do goberno galego para negociar directamente con posibles investidores que queren adquirir esta empresa. Sinalan que é necesario evitar a negociación por parte do actual propietario, o grupo romanés Scandia Food.
A FGAMT-CIG no Salnés denuncia que este grupo pretende boicotear a venda para levar á conserveira ao proceso de liquidación, a pesar de comprometerse coa Xunta a dar un paso atrás no caso de que aparecese unha conserveira interesada en adquirir Thenaisie, unha situación que non chegou a frutificar.
As xornadas de folga previstas son os días 15, 16, 17, 22, 23 e 24 de setembro. O persoal levará a cabo concentracións diante dos centros de traballo durante estas datas para reclamar unha solución.
Relacionadas:
-
O BNG leva ao Parlamento a situación da conserveira Thenaisie
Por Redacción |
-
O Grove sae de novo á rúa para defender os postos de traballo na conserveira Thenaisie Provote
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Aumenta a presión sobre Scandia Food para que acepte a oferta de Alfonso Caneiro por Thenaisie Provoté
Por Oskar Viéitez |
-
Numerosa marcha no Grove en demanda dunha solución para a conserveira Thenaisie Provoté
Por Redacción |