Descartan que os restos humanos localizados na Lama sexan dunha persoa desaparecida na zona
Por Redacción
Os restos humanos localizados na tarde do sábado no monte de Berducido, na Lama, non se corresponden, inicialmente, con ningunha persoa desaparecida na zona nos últimos anos. Os investigadores da Garda Civil descartan esta circunstancia despois de realizar un repaso polas denuncias presentadas nos últimos tempos nos arredores.
Segundo indicaron dende a Comandancia da Garda Civil, non existe
ningunha denuncia por desaparición dunha persoa na Lama e os municipios limítrofes que poida corresponderse cos restos humanos localizados. Tras ter esta constatación, as liñas de investigación deberán ir por outras vías, pero, nestes momentos, está pendente do Xulgado de Garda.Segundo indicaron, os restos foron localizados ás 15.40 horas do sábado por un veciño da zona que estaba de paso polo monte e localizou restos de ósos e roupa. Inmediatamente desprazáronse ao lugar axentes da Policía Xudicial da Garda Civil de Pontevedra, que realizaron unha inspección e recolleron todos os restos localizados.
Todo o recollido foi posto a disposición dos forenses da subdirección territorial do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) en Pontevedra para que realicen un estudo dos restos para descubrir a quen poden pertencer. Á espera do resultado das análises forenses finais, xa determinaron que se trataría dun home.
Ademais, polo estado dos restos humanos e roupas localizados, a principal hipótese que manexan é que a persoa levaría falecida un ano ou máis. O cadáver non estaría completo, pero descoñécese se faltan moitas partes e o motivo polo que desapareceron. Podería ser pola acción dun animal depredador.
A Policía Xudicial non realizará máis xestións de investigación ata que os forenses rematen o seu traballo e o Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra, de garda no momento do achado, determine que dilixencias será necesario realizar.