Os profesionais da fisioterapia tamén repercutiron no seu exercicio profesional a tensión da pandemia provocada pola COVID19. Nos meses do confinamento estiveron a prestar atención a outros especialistas sanitarios que soportaban a presión asistencial, así como a pacientes que ían saíndo das UCIS. A estancia nestas Unidades e o propio coronavirus deixan secuelas que requiren da atención de fisioterapeutas.
É por iso, que ante os baixos cocientes deste persoal na sanidade pública, o sindicato SATSE Galicia, fixese, con motivo do Día Mundial da Fisioterapia, unha reivindicación: máis fisioterapeutas para mellorar a atención e recuperación de persoas con coronavirus. Pero non só para atender aos afectados pola pandemia, senón para múltiples especialidades médicas que igualmente os requiren. Carmen García Rivas, -secretaria xeral de SATSE Galicia-, indica en Mentres isto dure que a OMS recomenda un fisioterapeuta por cada mil habitantes; no ámbito do Servizo Galego de Saúde escasamente chegan aos trescentos.
Non só fala dos centros de saúde, senón tamén dos socio-sanitarios e os destinados a persoas maiores, onde nos equipos de saúde teñen que estar os fisioterapeutas "que resultan escasos" e se fai referencia ao ámbito concertado-privado, engade que "hai de todo, e outras veces de nada". Este déficit de contratacións é extensible a outros profesionais dos que tamén falamos, os de enfermería.
Na charla que mantemos en PontevedraViva Radio non pasamos por alto outra demanda que o colectivo de enfermería tamén está a facer pública, desde tempo atrás, pero máxime neste contexto pandémico e é a presenza da figura de enfermeiros escolares. "É unha figura consolidada noutros países, e tamén nalgunhas Comunidades Autónomas. Este axente de saúde é unha rendibilidade a futuro porque incide en prevención e promociòn da saúde na poboación escolar; ante unha emerxencia, para orientar a profesores e pais, para seguimentos de escolares cunha enfermidade crónica, etc...".