A pesca artesanal súmase ao atractivo turístico das rías da man do GALP Ría de Pontevedra
Por Redacción
O GALP Ría de Pontevedra participa cos colectivos das rías de Vigo e Arousa no proxecto de cooperación Mar das Illas. Unha iniciativa que ten como obxectivo fomentar a pesca e o turismo mariñeiro desde o sector pesqueiro das Rías Baixas, especialmente no ámbito de influencia do Parque Nacional Illas Atlánticas.
A comisión de seguimento seleccionou seis proxectos atendendo a criterios de calidade e diversidade para poñer en práctica experiencias piloto. Entre os elixidos figuran tres propostas que combinan a pesca e o turismo, dous sobre marisqueo a pé e un centrado en turismo mariñeiro en instalacións portuarias. Na ría de Pontevedra poñerase en marcha un proxecto sobre pesca e turismo en Sanxenxo, mentres que en Bueu terá lugar uno sobre turismo en instalacións portuarias.
"A idea é potenciar o que é o noso traballo. Lévoos ao peirao onde está atracado o meu barco, explícolles ao que me dedico, como collo as navallas e como as collen, por exemplo, en Holanda, onde dúas empresas explotan toda a navalla. Aquí é moito máis artesanal, collémolas unha a unha”, apunta José Manuel Agulla sobre a pretensión de transmitirlle aos visitantes de Bueu a súa relación coa pesca de baixura que se remonta aos tempos dos seus avós.
Poñer en valor a pesca artesanal é tamén o obxectivo de Sauro Martínez. A bordo do seu barco Praia de Sanxenxo poden subir ata catro persoas para acompañar á súa tripulación. "Embarcamos no porto de Sanxenxo para descubrir a pesca artesanal vinculada ao respecto polo medio mariño, unha pesca sostible coa que se obteñen peixes e mariscos dunha extraordinaria calidade e frescura. Coñecerán a pesca coa arte das nasas mentres gozan das paisaxes do arquipélago de Ons, Punta de Cabicastro ou a praia de Montalvo e coñecendo os diferentes tipos de fondos mariños e as especies que neles habitan”, explica o promotor a súa pioneira proposta.
En cambio, a de Agulla en Bueu centrarase principalmente en "ensinareilles como era antigamente a vila mediante unhas imaxes históricas que temos preparadas, tamén as embarcacións tradicionais, as artes que se utilizaban antes, e de aí pasaremos ao peirao para ver os meus barcos e falarlles da miña experiencia”. O percorrido ten unha duración de dúas horas e inclúe un paseo pola lonxa e a praza de abastos.
En definitiva, trátase de seis ideas impulsadas desde as vilas costeiras das Rías Baixas, como Cangas, Redondela, A Pobra do Caramiñal o Vilanova de Arousa; que permitirán á cidadanía aproximarse á realidade dos traballadores do Atlántico a través de roteiros deseñados e explicados polos propios profesionais co obxectivo de poñer en valor o seu labor e as rías como recurso natural, alimentario e fonte económica.
Relacionadas:
-
Récord de solicitudes para as axudas que xestiona o GALP Ría de Pontevedra
Por Redacción |
-
O GALP Ría de Pontevedra asesora aos proxectos relacionados co mar
Por Redacción |
-
Talento azul para atraer fondos europeos na Ría de Arousa
Por Redacción |
-
Marín, Bueu, Portonovo e Pontevedra acollen cursos de WhatsApp Marketing
Por Redacción |
-
Rueda reúne en Sanxenxo o Clúster de Turismo de Galicia
Por Oskar Viéitez |
-
Os GALP das Rías Baixas organizan a 'Xornada Internacional de Turismo Mariñeiro e Pesca-turismo'
Por Redacción |
-
As confrarías da ría impulsarán a comercialización directa dos peixes e mariscos
Por Redacción |
-
O GALP Ría de Pontevedra perfila o traballo ata final de ano da campaña pescado artesanal
Por Redacción |