En mais do 60% dos accidentes de tráfico da cidade de Pontevedra están presentes os despistes
Por Redacción
Como vén sendo habitual, a Policía Local de Pontevedra súmase ás campañas da Dirección Xeral de Tráfico. Entre o 14 e 20 de setembro, levará a cabo unha campaña de distraccións ao volante, especialmente o uso de dispositivos móbiles na condución de vehículos.
Segundo informa a Xefatura da Policía Local, en mais do 60% dos accidentes de tráfico da cidade de Pontevedra está presente os despistes.
No ano 2019, resultaron feridos como consecuencia de accidentes de tráfico 188 persoas (21 feridos graves e 167 feridos leves). Moitos destes accidentes poderíanse evitar cunha adecuada atención á condución.
Segundo datos estatísticos da Dirección Xeral de Tráfico, por cuarto ano consecutivo, as distraccións ao volante constitúen o primeiro motivo dos accidentes con vítimas mortais cun 28% fronte o consumo de alcol nun 24% e velocidade o 23%.
No marco desta campaña, os axentes da Policía Local de Pontevedra aumentarán os controis, co establecemento de servizos de vixilancia co obxectivo de realizar uns controis diarios a condutores que circulen polas rúas da cidade.
USO DO TELÉFONO MÓBIL
Estudos sobre hábitos de condución establecen que usar o teléfono móbil mentres se conduce impídenos percibir un 50 por cento da información da estrada. O seu uso, cada vez máis xeneralizado, é responsable dunha alta porcentaxe de accidentes.
Algúns estudos constatan que o perigo por un uso inadecuado do móbil pode levar a ser equiparable á condución con exceso de alcol. Mentres se fala e conduce, pérdese a capacidade de manter unha velocidade constante, de gardar a distancia de seguridade suficiente co vehículo que circula diante e o tempo de reacción aumenta considerablemente.
Polo seu perigo, podemos clasificar de menos a máis as distintas accións da utilización dun teléfono móbil na condución do vehículo. A primeira sería a utilización de dispositivo mans libres (aínda que o seu uso é legal, a súa utilización constitúe un elemento importante na distracción do condutor). A segunda é o emprego en modo conversación de teléfono sen dispositivo “mans libres” e a terceira é a lectura ou utilización de calquera aplicación de mensaxería.
Especial atención merecen os transportistas que fan uso dos gps ou albarans mentres conducen.
OUTROS FACTORES QUE PROVOCAN DISTRACCIÓN
En acender un cigarro tárdase unha media de 4 segundos, a unha velocidade de 10 km/h, nese tempo percorreriamos 113 metros. Segundo as conclusións de diversos estudos de investigación, fumar mentres se conduce multiplica por 1,5 o risco de sufrir un accidente.
Usar navegadores durante a condución, o uso de GPS aumentou de forma exponencial. Os navegadores poden constituír unha axuda ao condutor, pero supoñen igualmente unha importante causa de distracción.
O soño e a fatiga, son factores de risco moi implicados na accidentalidade viaria, alcances traseiros, saídas de vía, ou certa invasión do carril contrario contiguo, están relacionados con que o condutor circulaba fatigado ou con soño e non puido evitar o accidente a tempo.