O Concello de Poio reforza as medidas de seguridade e control
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, compareceu este sábado para dar conta, xunto á edil de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, das medidas que o Concello aplicará, a modo de reforzo, durante os días que permanezan vixentes as restricións decretadas pola Xunta de Galicia, por mor da expansión da Covid-19, e que entrarán en vigor a partires da medianoite deste domingo.
O rexedor transmitiu en nome do Goberno local unha mensaxe de tranquilidade á veciñanza, apelando, ademais, á responsabilidade de todos "para cumprir con estas directrices. Son medidas necesarias e confiamos en que a cidadanía respecte as normas hixiénicas, de distanciamento e de cumprimento de aforo que se establece".
Sinalou, ademais, que o Sergas comunicou, vía telefónica, que o pasado venres eran 29 as persoas infectadas, 15 máis co día anterior.
Precisamente, neste incremento en 24 horas radica a razón pola cal a Xunta decidiu incluír a Poio entre os concellos con restricións a maiores. Sobral puntualizou que "todas estas persoas recupéranse nos seus domicilios" e adiantou que o Sergas non ofrecerá máis datos oficiais ata luns.
"Estas medidas quedarán en vixencia ata a vindeira fin de semana. Confiamos en que a evolución sexa positiva e poidamos retornar á nova normalidade canto antes", desexou.
Pola súa banda, Marga Caldas enumerou as medidas a maiores que o Concello aplicará estes días. Ademais de realizar un seguimento constante da situación e ir adoptando máis decisións en caso de que sexa necesario, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil encargarase de realizar a recollida de lixo a persoas en risco que estean recuperándose da enfermidade en cuarentena, ademais de prestar servizo de atención a persoas maiores, no que a compras ou outras xestións se refire.
Ademais, procédese á suspensión de eventos culturais, deportivos e festivos dos vindeiros días, que poderán retomarse en función de como evolucione a situación.
A concelleira de Seguridade sinalou tamén que a Policía Local ampliará o seu servizo ata a noite e activará un dispositivo especial de control de espazos públicos e privados, aforo en praias e para velar polo cumprimento do aforo (50% en interiores e, no caso da hostalería, sen utilización da barra).
A maiores, vólvese a activar o teléfono de información para a cidadanía, no que se poden realizar consultas relacionadas coa pandemia (604037060).
O vindeiro martes, ademais, convocarase a Comisión de Seguimento da Covid-19 e, nos días posteriores, haberá unha xunta de voceiros para dar parte a todos os grupos da Corporación da situación e das medidas realizadas.
Caldas Moreira lembrou que "xa fomos tomando decisións e impulsando actuacións desde o momento no que tivemos constancia de algúns casos, a pesar de que non tivemos información ninguha por parte da Xunta". Neste sentido, Luciano Sobral expresou o seu desexo de que exista "unha comunicación fluída" entre as administracións para "actuar do xeito máis eficiente posible".
Relacionadas:
-
Unha carpa anti covid-19 para evitar as aglomeracións durante a campaña antigripal no centro de saúde de Anafáns
Por Redacción |
-
Poio incrementa nun caso o número de positivos durante a fin de semana e sitúase en 30
Por Redacción |
-
Sanidade establece tamén medidas restritivas en Poio e Vilaboa
Por Redacción |