A Xerencia da Área Sanitaria: "Ao ser a maioría pacientes mozos con clínica leve non estamos especialmente preocupados"
Por Oskar Viéitez
A Xerencia da área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés admite que "o número de casos da área é importante, e creceu de forma significativa desde finais do pasado mes de agosto".
Con todo matiza que "a distribución dos casos non é homoxénea", xa que hai varios concellos da área sen casos COVID "mentres que hai un elevado número nos concellos de Pontevedra, Poio e Vilaboa", motivo polo que se estableceron determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución epidemiolóxica nestes concellos "co fin de poder controlar este incremento".
"No momento actual, ao ser a maioría pacientes mozos con clínica leve non estamos especialmente preocupados, pero si moi pendentes da súa evolución", aseguraron desde a Xerencia.
O número de gromos activos na área Sanitaria é de 54 e a Xerencia sinala que "se trata de gromos maioritariamente familiares e algúns de lecer e laborais". Neste momento, o perfil dos pacientes COVID é de idades entre 20 e 40 anos con pouca sintomatoloxía, polo que non necesitan ingreso hospitalario e o seu seguimento realízase a domicilio.
Con respecto aos meses de marzo e abril si que a idade media dos afectados é menor, segundo confirma a Xerencia, "unha posible causa desta media de idade máis baixa pode ser que a poboación de máis idade é máis sensible e disciplinada no uso de máscaras e as medidas de prevención de forma xeneralizada". A maioría de casos positivos está entre os 20 e 40 anos. Como xa é sabido, a poboación máis vulnerable é a de máis idade.
"O servizo de Pediatría conta co persoal e os medios necesarios para atender aos pacientes", engaden.
A Xerencia da área Sanitaria de Pontevedra O Salnés asegurou que "durante estes meses estivemos adaptando unidades de hospitalización e centros de saúde para dar mellor resposta asistencial a esta segunda fase da pandemia".
Entre outras medidas, apuntan, establecéronse circuítos asistenciais, adecuado boxes no hospital "e o mesmo nos circuítos dos centros de Atención Primaria, que está adaptada á consulta telefónica moito mais que no mes de marzo abril".
Finalmente, a Xerencia lembra que "coa volta ao colexio, comezasen como todos os anos, os procesos catarrales e febrís, do mesmo xeito que todos os outonos-invernos" diante desta previsión, "este ano o reto é detectar os pacientes COVID pronto e proceder ao seu illamento, para evitar a propagación da enfermidade e as súas complicacións".