A 'Universidade sénior' adapta as súas aulas no Campus de Pontevedra para manter as clases presenciais
Por Redacción
O Programa para Maiores da Universidade de Vigo, popularmente coñecido como a 'Universidade sénior', iniciará o curso presencial no Campus de Pontevedra o vindeiro 28 de setembro. As clases desenvolveranse entre a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e a Escola de Enxeñaría Forestal.
Atendendo ás medidas dictadas polas autoridades sanitarias, o espazo destinado para a impartición das diferentes materias será acondicionado para manter a distancia de seguridade. O número de alumnos non variará con respecto ao curso anterior. Isto é 30 prazas para as materias de lección maxistral e 15 para prácticas.
Dado que gran parte do alumnado pertence á considerada poboación de risco ante a COVD-19, a Universidade estudou con coidado a situación e determinou que o protocolo aplicado para toda a comunidade universitaria era acorde coas circunstancias destes alumnos sénior. Estas medidas, adoptadas en todos os centros da UVigo, implican unha ocupación reducida nas aulas, distancia de seguridade, uso de máscara e xel hidroalcólico e sinalización nos espazos para evitar os contactos, principalmente.
Como explica José Luis González Cespón, director do Programa Universitario para Maiores, "este ano é algo diferente, xa que debido á pandemia debemos manter unha serie de protocolos de hixiene, distancia, etc. que limitan algúns aspectos respecto ao que viñamos facendo pero, mantendo estes protocolos, as clases vanse desenvolver dunha maneira moi similar a cursos pasados".
Todas estas medidas explicaranse ao alumnado nun acto de benvida que terá lugar antes do comezo da docencia.
Para este curso 2020-2021 o Programa para Maiores contará coa novidade a oferta de dúas materias do programa en formato virtual a través do Campus Remoto. "Se a experiencia é positiva, valoraremos a posibilidade de facer materias en liña intercampus nos vindeiros anos", remarca Cespón.
PRAZO DE MATRÍCULA ABERTO
Actualmente aínda está aberto o prazo de matrícula para o ciclo intensivo do Programa de Maiores. O intensivo é a etapa inicial do Programa de Maiores, na que os alumnos intercambian coñecementos e experiencias de tipo científico e cultural, sen necesidade de ter ningunha titulación previa. Neste ciclo, que ten unha duración de tres anos, poden inscribirse as persoas con idade igual ou superior a 55 anos. En caso de quedar prazas sen cubrir, poderase admitir alumnado con idades inferiores a 55 anos, pero en ningún caso inferior a 50 anos.
Pola súa banda, o ciclo integrado está pensado como continuación da etapa previa, co que obterán o título de Universitario Superior Sénior. Esta etapa poden cursala as persoas que teñan superado o ciclo intensivo ou aquelas que estean en posesión dunha titulación oficial universitaria e teñan unha idade igual ou superior a 50 anos. O prazo de matrícula para este nivel está xa pechado.
Relacionadas:
-
O alumnado sénior do campus impulsa a súa propia radio a través da plataforma Twitch
Por Redacción |
-
RADIO.- 'Maiores en casa activos', biblioteconomía virtual para a poboación de máis idade
Por Redacción |
-
A UVigo recibe os seus alumnos con sesións informativas sobre as medidas fronte á Covid e entrega de máscaras
Por Redacción |
-
O programa universitario de maiores conta con máis de 100 personas matriculadas
Por Redacción |
-
O alumnado do Programa para Maiores festexou o final dun ciclo formativo
Por Redacción |
-
A universidade non ten idade: 66 alumnos de máis de 55 anos estudan no campus
Por Redacción |