Un campo de voluntariado pon en valor os espazos naturais de protección de aves no Grove
Por Redacción
As zonas naturais de especial protección para aves locen mellor que nunca no Grove grazas ao campo de traballo que finaliza este sábado 12 de setembro no municipio.
Durante os últimos días, mozos e mozas de entre 18 e 30 anos traballaron na recuperación das zonas de especial protección natural por ser lugar de parada nas migracións europeas e euroafricanas.
En concreto recuperaron estruturas de observación ornitolóxica, deseñaron e colocaron carteis interpretativos nestes lugares e tamén realizaron limpezas de especies de plantas invasoras.
Ademais, este campo de voluntariado incluíu un programa de actividades de lecer e tempo libre centradas, sobre todo, en deportes náuticos e de contacto coa natureza.
Trátase da última actividade incluída na Campaña de Verán de 2020, polo que contou coa visita da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.