Caldas pon en marcha o plan para o desenvolvemento industrial de Veigas de Almorzar
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis acolleu este venres a presentación do Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións para a ordenación dos accesos á estrada nacional CN-640 na zona industrial de Veigas de Almorzar. Un documento que permitirá resolver a situación urbanística desta zona industrial co obxectivo de promover o desenvolvemento ordenado da mesma e dotala das infraestruturas necesarias.
A superficie para ordenar alcanza as 57 hectáreas e nelas sitúanse desde os anos 70 varias empresas xa consolidadas no tecido comarcal. Durante o acto, o alcalde Juan manuel Rey explicou que "xa está en marcha o desenvolvemento urbanístico que permitirá, máis de medio século despois, converter a principal zona industrial de Caldas nun polígono moderno, ben dotado e comunicado para a mellora das empresas e o asentamento de novas firmas".
O plan inclúe a construción dun tramo principal de calzada de dous carrís entre a glorieta do tanatorio e plántea de Clesa. Ademais contará con vías de servizo, novas beirarrúas e unha mediana. Tamén se crearán dúas novas rotondas para facilitar os movementos nas diferentes interseccións e executarase un novo tramo entre o paso baixo a AP-9 e a glorieta da leiteira.
Pola súa banda, Xavier Rivas, o arquitecto de Otima SL, a empresa encargada de redactar o plan, sinalou que se trata dun instrumento necesario para desenvolver todos os sectores da zona urbanizable do polígono, o que favorecerá o crecemento económico.