Os socorristas realizaron case 3.000 intervencións durante o mes de agosto nos areais de Sanxenxo
Por Redacción
Os socorristas dos areais de Sanxenxo realizaron preto de 3.000 intervencións de distinto tipo durante o mes de agosto. Ás casetas de emerxencias atenderon un total de 565 picaduras de faneca, das que 130 rexistráronse en Montalvo, 72 en Canelas e 70 en Silgar. Así mesmo, tamén acudiron 77 bañistas por picaduras de insectos.
Outras das intervencións realizadas foron os rescates tanto a bañistas como a embarcacións. En total, actuaron en 30 situacións deste tipo nas que se inclúen 8 auxilios a outras tantas embarcacións e a evacuación dun barco.
Aos avisos a bañistas en situación de perigo sumouse este ano as advertencias por incumprimentos do bando de praias emitido pola alerta sanitaria na que entre outras cuestións prohíbense os xogos en equipo, as comidas con aveños na praia e a obrigatoriedade da máscara para pasear ou moverse da toalla. Detectáronse ata 772 desobediencias de distinto tipo. Montalvo volveu encabezar a clasificación con 340.
Os socorristas e sanitarios realizan, ademais de atender en distintas circunstancias ás persoas que acoden aos areais, recollidas puntuais de residuos de diverso tipo que a través de diferentes medios recalan nas praias, vía marítima ou terrestre. Neste caso, o maior número de actuacións deste tipo rexistráronse en Major, 67, seguida de Pragueira, 62 e Montalvo, 37, dun total de 237.
Esta fin de semana conclúe o servizo de socorrismo e salvamento nas praias de Sanxenxo onde desde o 1 de setembro mantíñase aínda en Areas, Canelas, Montalvo e Silgar. O balance a dous días de que conclúa a atención nos areais, o Concello valórao como "moi positivo xa que non se tivo que lamentar ningún suceso tráxico este verán".