O Pleno da Deputación debate sobre inicio do curso escolar e o decreto das remanentes
Por Oskar Viéitez
Cos votos de PSdeG-PSOE e o BNG e a oposición do PP, o Pleno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres a moción para esixir da Xunta de Galicia que "se responsabilice dunha vez dunha competencia exclusivísima do Goberno galego como é o inicio do curso escolar" que, en palabras do voceiro socialista Carlos Font, "sigue sumido en un absoluto caos que deja a la sociedad en una indefensión intolerable y sin garantías; ni docentes ni sanitarias".
O portavoz socialista cualificou "fracaso estrepitoso de la Xunta de Galicia" a "lamentable rectificación de última hora", cando a Consellería anunciou o aprazamento do inicio do curso en Secundaria e Formación Profesional.
Pola súa banda, o voceiro do BNG, César Mosquera, referiuse tamén ao problema xerado polo intento da Xunta de "cargar" aos concellos cos "gastos extraordinarios" de desinfección, e detallou que os concellos están a afrontar gastos extraordinarios de entre o 3% e o 6% dos seus recursos "que lles van abanear as súas contas" e cualificou como "falta de respecto absoluto" responsabilizar aos municipios co custe dunhas desinfeccións "que son competencia autonómica ".
"Aos concellos non se lles manda un euro, pero si máis cargas con moita alegría", indicou.
MOCIÓN DO PP SOBRE REMANENTES
Por outra banda, o Pleno rexeitou cos votos do PSOE e do BNG unha moción do PP a propósito do Real Decreto Lei sobre uso dos remanentes municipais que onte decaeu no Congreso.
O voceiro do grupo provincial do PP, Jorge Cubela lamentou "que nin PSOE nin BNG se poñan de lado dos concellos" para reclamar ao Goberno que libere os remanentes das entidades locais e entregue o fondo de 5 mil millóns de euros sen limitacións.
Cubela destacou que "onte no Congreso gañaron os alcaldes e alcaldesas, foi unha vitoria de todo o municipalismo, ante a incautación que o Goberno central" quería facer dos máis de 15 mil millóns de euros da "caixa dos aforros" dos concellos.
Por iso, insistiu en que "hoxe más que nunca" a Deputación tíñase que posicionar a favor das entidades locais, xa que "este real decreto atentaba contra a autonomía local e financeira dos concellos".
Sobre a Lei Montoro, Cubela recordou que se pode cambiar cunha votación no Congreso.
Finalmente o voceiro do PP cuestionou que os socialistas desta provincia non defendan os aforros dos seus concellos, mentres reclaman á Xunta fondos para axudar na limpeza dos colexios, "que é competencia municipal". Concluiu dicindo que agarda que a Deputación de Pontevedra aprobe axudas específicas para colaborar cos concellos na limpeza dos colexios.