Adíase o comezo do curso en Secundaria, Bacharelato, FP e Réxime Especial ao 23 de setembro
Por Redacción
Problemas organizativos que impiden garantir a seguridade tanto do alumnado como dos docentes. Esta foi a razón que esgrimiu o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, para adiar unha semana o comezo do curso nos niveis de ensino secundario. A decisión foi consensuada coa Xunta Autonómica de Directores, nunha reunión celebrada na mañá deste venres cos representantes dos centros de Secundaria xunto cos xefes da Inspección educativa nas catro provincias.
En concreto, o retorno ás aulas en Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional e Réxime Especial (Escolas Oficiais de Idiomas, Escolas de Artes e Conservatorios) realizarase a partir do mércores 23 de setembro. A incorporación será de xeito escalonado, entre os días 23, 24 e 25 de setembro.
NOVAS DATAS DE INICIO DO CURSO
Os alumnos de 1º e 2º da ESO, os de 1º de Bacharelato e os de 1º de FP Medio e Superior, que inicialmente comezarían as clases o vindeiro mércores 16, farano o mércores 23; mentres que os de 3º da ESO, de 2º de Bacharelato e de 2º de FP Medio e Superior, que volvían ás aulas o xoves 17, regresarán finalmente o xoves 24. Os estudantes de 4º da ESO e FP Básica, que comezarían as clases o venres 18, farano o venres 25. A Consellería non detallou como será o calendario de incorporación do alumnado das ensinanzas de Réxime Especial.
A Consellería de Educación confía que este tempo sexa suficiente para poder implementar todas as medidas de seguridade e sanitarias necesarias para garantir o desenvolvemento axeitado do curso escolar e previr contaxios por Covid-19.
DEMANDAS DE CENTROS E SINDICATOS
Un dos aspectos que non concretou o conselleiro e que preocupa aos directores dos centros de ensino secundario é que neste momento aínda non está pechado o cadro de persoal dos diferentes centros, polo que é imposible poder deseñar desdobramentos de aulas ou repartir a impartición das diferentes materias en horarios de mañá e tarde, de ser necesario. A previsión é que a partir do 16 de setembro comece o chamamento do profesorado interino, cun marxe de apenas cinco días hábiles para a organización das aulas, horarios e quendas de traballo.
Outro dos aspectos que preocupa nos equipos directivos dos centros e que veñen denunciando os sindicatos é o cambio de criterio en canto ás medidas de distancia no interior das aulas e talleres, que pasa do metro e medio a tan só un metro, coa incorporación de mamparas.
Neste sentido, o sindicato ANPE (Asociación Nacional de Profesores Estatais) publicou unha nota na que manifesta que "as garantías de seguridade pasan en calquera caso por manter a distancia de seguridade e 1,5 metros e para iso é necesario establecer desdobres e contratar profesorado. As mamparas, sen distancia de seguridade, non son a solución". De non ser atendida esta demanada, o sindicato prevé emprender "accións legais contra a Consellería de Educación ante a Inspección de Traballo ao entender que non se están garantindo as condicións para comezar o curso en ditas etapas coa debida seguridade".