Os 'Dolores' enchen de festa, música e humor a Alameda de Ponte Caldelas
Por Redacción
Ponte Caldelas está de festa. E o seu programa de actividades para esta fin de semana foi todo un éxito. O último exemplo foi a actuación da Banda de Música de Salcedo, que provocou un cheo total da Alameda de Ponte Caldelas dentro do programa festivo das Festas dos Dolores. A agrupación musical celebra precisamente este ano con diversos concertos o seu 25 aniversario.
A Alameda de Ponte Caldelas quedouse pequena para acoller a actuación da Banda de Salcedo. As mesas dos establecementos hostaleiros da localidade e dos ambulantes que están no recinto arborado polas festas resultaron escasas para albergar ao numeroso público que se deu cita para contemplar a intervención desta agrupación musical.
O programa festivo de Ponte Caldelas para este domingo incluía tamén a actuación musical de Welikings, As Pandereteiras Maianas e a Banda de Gaitas Is Coribantes no concerto "Noites de Son". Ademais, os actos concluíron coa actuación de Isi, o popular humorista da TVG e gañador do concurso O Rei da Comedia, e a verbena protagonizada pola orquesta Alcotán.
Todas estas actividades deron continuidade á programación do sábado que se iniciou coa Banda de Música de Mondariz que abarrotou ao mediodía, no concerto da sesión vermú, a Alameda de Ponte Caldelas onde centos de persoas gozaron dun refrixerio escoitando e aplaudindo a magnífica execución das pezas interpretados pola agrupación musical.
Na tarde do sábado, trala procesión desde a Capela da Sagrada Familia e a misa solemne cantada pola Coral Valdarrosa de Ponte Caldelas, tivo lugar o Festival Folclórico de intercambio cultural entre a Banda de Gaitas Os Coribantes e o Grupo Tradiciones de Yuncler (Toledo).
PROGRAMA FESTIVO PARA O LUNS
En canto ao programa festivo previsto para este luns, iniciarase ás 12 do mediodía co pasarrúas a cargo da Banda de Música Xuvenil de Barro, para continuar cun concerto desta agrupación musical ás 13:30 horas.
Pola noite, ás 21 horas, terá lugar o festival "Son de Ponte Caldelas", organizado polo Grupo de Gaitas Os Coribantes e no que intervirán todos os diferentes grupos musicais e de baile existentes no municipio. A verbena porá punto final á xornada festiva coa participación da orquesta Ritmo Joven.