O pleno aprobará este xoves a implantación da zona azul gratuíta en Marín
Por Redacción
O pleno da Corporación de Marín ten previsto sacar adiante este xoves a ordenanza que regulará a creación dunha zona de estacionamento de horario limitado. Trátase duns espazos nos que o control do estacionamento será gratuíto pero establece un límite máximo de dúas horas para aparcar. O obxectivo do goberno local é mellorar a fluidez dos estacionamentos na vila.
Esta medida non supoñerá ningún custo para a cidadanía pero mellorará a xestión do aparcamento no centro urbano. Os puntos nos que se habilitará este novo sistema de estacionamento serán en determinados tramos das rúas: Avenida de Ourense, Exército e Mariña, Ponche, Concepción Arenal, Jaime Janer e Méndez Núñez.
As limitacións aplicaranse soamente desde as 8 ás 14 e desde as 16 ás 20 horas de luns a venres e só en horario de mañá os sábados. O resto do tempo o aparcamento seguirá sendo libre.
De forma paralela, o Concello continúa traballando na habilitación de áreas de aparcamento disuasorio e gratuíto. "En pleno centro urbano conseguíronse crear case 600 prazas", destacan desde o Concello facendo alusión a chairas como a da Escola Naval, Ponche Zapal ou Concepción Arenal.
Recentemente, o Concello acaba de adquirir unha nova parcela na zona da Raña para este uso á que pronto se lle unirá outra parcela na rúa Jaime Janer. E desde o goberno local non pechan a porta para seguir ampliando estes espazos, para o que animan aos propietarios interesados en ceder as súas terras para poñerse en contacto co Concello.
O sistema de control da futura zona azul correrá a cargo da Policía Local, que fará uso da ferramenta Mcam, un dispositivo equipado cun programa de recoñecemento de texto e xeolocalización, que alertará aos axentes daqueles vehículos que superaron o límite de tempo.
Relacionadas:
-
Marín habilitará un novo aparcadoiro disuasorio en Jaime Janer
Por Redacción |
-
Marín aumenta a área de estacionamento no cemiterio de Santomé
Por Redacción |
-
A oposición de Marín non apoiará a zona de aparcamento comercial "ata que se recuperen as prazas suprimidas"
Por Redacción |
-
A implantación da Zona Azul en Marín debatirase no pleno deste xoves
Por Redacción |
-
Marín aumenta a dúas horas o tempo máximo na próxima zona de estacionamento horario limitado
Por Redacción |