Estiman que o 80% do profesorado de infantil e o 60% de primaria non puido secundar a folga
Por Redacción
CIG-Ensino, CC.OO., STEG e CSIF sinalan que a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) de desestimar a suspensión cautelar dos servizos mínimos establecidos pola Consellería de Educación provocaron que a maioría do profesorado asistise ás aulas na xornada de folga prevista para este inicio de curso en primaria e infantil.
Os sindicatos convocantes da folga concentrábanse na praza da Peregrina con carteis nos que se reclamaba máis persoal nos centros educativos. Piden á Consellería de Educación unha baixada de cocientes de alumnos por profesor ante a situación actual, marcada pola pandemia.
Afirman que a pesar de que a Consellería quere dar sensación de normalidade, os equipos directivos e o persoal docente levan dúas semanas tentando adaptar os centros ao protocolo, que xera grandes diferenzas entre as distintas etapas educativas, segundo sinalan. Indican que a Xunta non moveu un dedo por adaptarse á distancia de metro e medio de seguridade que establecían todas as autoridades sanitarias. Acusan os responsables de Educación en Galicia de non ter vontade política para buscar solucións que mellorasen as condicións de seguridade dos centros educativos.
Consideran que o novo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, deu nas últimas horas un novo paso atrás ao autorizar a semipresencialidade ou a colocación de biombos nas aulas de secundaria, bacharelato e FP en lugar de contratar reforzos para o profesorado.
Segundo a Xunta de Galicia o porcentaxe de seguimento da folga na provincia de Pontevedra foi dun 12,24%, mentres que en Galicia establéceo nun 12,16% dos mestres. Destaca que a xornada de volta ás aulas transcorreu con normalidade.
Desde CIG-Ensino sinalan que o 80% do profesorado de infantil e o 60% do primaria non puido secundar a folga, ao ter que cumprir cos servizos mínimos establecidos, pero consideran que as familias apoiaron maioritariamente esta protesta. En todo caso, o vindeiro mércores 16 hai convocada unha nova folga para reclamar investimentos no ensino público en Galicia.
A Xunta tamén indica que o inicio do curso está adiado ata o 16 de setembro nestes centros das Rías Baixas: CEIP do Carballal (Marín), no CEE de Pontevedra (Pontevedra), e no CEIP Plurilingüe Xulio Camba (Vilanova de Arousa).
Relacionadas:
-
A Educación Secundaria volta cunha concentración para reclamar a contratación de máis profesores
Por Manu Otero |
-
Sindicatos do Ensino advirten que cinco institutos de Pontevedra recorrerán á semipresencialidade durante o curso
Por Redacción |
-
A folga de educación aprázase unha semana
Por Redacción |
-
Adíase o comezo do curso en Secundaria, Bacharelato, FP e Réxime Especial ao 23 de setembro
Por Redacción |
-
O curso escolar comezará con folgas ante o "coste cero" das medidas da Xunta contra a COVID-19
Por Redacción |
-
Catro sindicatos anuncian mobilizacións e dúas folgas no inicio do curso escolar
Por Redacción |