Institutos e centros de FP de Pontevedra solicitan a Educación aplazar o inicio do curso
Por Alejandro Espiño
Dezaoito centros de ensino secundario e formación profesional de Pontevedra presentaron un escrito ante a xefatura territorial de Educación solicitando aprazar o inicio de curso, previsto para o próximo 16 de setembro.
Os directores de todos estes centros entenden que nas actuais condicións non se pode garantir un comezo de curso "correcto" xa que, entre outras cuestións, descoñecen aínda a cota de docentes ou se Educación autoriza que se modifiquen horarios e quendas.
Sen esta información, sinala o escrito presentado ante Educación, resúltalles "imposible" organizar os horarios do profesorado e das clases ou asignar os espazos ao alumnado e, en consecuencia, abrir os centros o 16 de setembro.
A solicitude de aprazamento está asinada pola práctica totalidade dos centros de secundaria e FP da cidade de Pontevedra, ademais doutros situados nos municipios de Poio, O Grove, Ponte Caldelas, Marín, Sanxenxo e Vilanova de Arousa.
Os institutos sinalan que, habitualmente, reciben esta información case dúas semanas antes do inicio do curso, fóra dalgunha modificación puntual de vacantes, o que lles permite "ter a punto" o regreso ás aulas nas datas previstas.
Pero nesta ocasión, denuncian os directores destes centros, "non só non temos coñecemento das vacantes que nos corresponden, senón que tampouco sabemos se as nosas propostas van ser aceptadas", en canto a horarios e número de docentes.
Engaden que ante a organización dun curso "tan complexo e esixente", os centros educativos necesitan "un mínimo de sete días lectivos" para organizarse, polo que se as vacantes e as modificacións dos horarios son autorizadas mañá, 11 de setembro, o inicio do curso "non podería ser antes" dos días 23, 24 e 25 de setembro.
"Cada día de atraso na publicación implicaría atrasar un día o inicio de curso", conclúe o escrito que presentaron este xoves ante a xefatura territorial de Educación de Pontevedra.
Relacionadas:
-
RADIO.- "O que se ofrece como protección ante a COVID19 é diametralmente oposto ao necesario para ensinar"
Por Marisa Ciordia |
-
Adíase o comezo do curso en Secundaria, Bacharelato, FP e Réxime Especial ao 23 de setembro
Por Redacción |
-
O colexio de Mosteiro, sen nenos ata que Educación garanta aos pais que "é seguro" tras un caso de COVID-19
Por Alejandro Espiño |
-
Que supón para Pontevedra ser zona de especial restrición pola COVID-19?
Por Alejandro Espiño |
-
Sanidade aprecia unha transmisión "importante" da COVID-19 por reunións entre amigos e familiares
Por Alejandro Espiño |
-
Colexios e institutos buscan novos espazos para cumprir coa distancia de seguridade entre estudantes
Por Manu Otero |