Quendas, colas, hixiene, nervios e alegría na volta ao cole da Educación Primaria
Por Manu Otero & Mónica Patxot
Os medos, a presión e a incerteza que envolvían a volta ao cole nesta época de Covid-19 xa son historia. Este xoves as aulas enchéronse de novo de nenas e nenos que volven con alegría e ilusión aos colexios que abandonaron de forma prematura no mes de marzo. Fano, mestres e alumnos, conscientes de que o virus segue ahí, por iso o compromiso de toda a comunidade educativa no cumprimento das normas de seguridade e hixiene é máximo.
"É incrible, parece unha película", comentaba a nai dunha alumna do CEIP Praza de Barcelos a outra mentres agardaban xunto ás súas fillas a quenda para entrar ao colexio ao mesmo tempo que observaban a cerimonia, que haberá que repetir cada día, de entrada ao centro.
Os escolares, os seus pais e os profesores foron chegando de forma progresiva aos seus centros educativos. Mentres esperaban a hora para entrar, os reencontros despois de tantos meses sen verse sucedíanse. O saúdo co cóbado está xa implantado ata nos máis pequenos que non tardaron nada en poñerse a xogar e correr mentres os seus pais intercambiaban impresións acerca desta nova normalidade.
A hora de entrar achegábase e os profesores tomaron o mando para comezar a organizar colas con distancia de seguridade. Divididos por grupos e cursos, os alumnos formaban en ringleira mentres atendían as explicacións dos seus mestres. "Imos ir entrando, lavámonos as mans con xel e entramos nas aulas sen tocar as paredes nin os pasamanos", repetían os docentes.
Coa excepción do popular e divertido profesor Rafa Córdoba que, sen megáfono e coa intención de romper coa tensión deste estraño primeiro día de curso, animaba aos pequenos con enxeñosas rimas: "Eu teño a vacuna. Vacuna matata", cantaba arrincando un sorriso a uns pais moi preocupados polo inicio do curso nestas circunstancias.
Xa no interior do centro, os estudantes foron ocupando os seus pupitres. A disposición das clases é diferente á de anos anteriores. Os máis pequenos comparten mesa, pero a distancia entre eles é maior, mentres que os maiores teñen unha maior separación entre eles. Nalgúns casos colocan pupitres baleiros entre mesas para asegurar que se cumpre o metro e medio regulamentario de separación.
O que non pode evitar ningun pupitre nin distancia de seguridade é a emoción do reencontro entre amigos. Sen abrazos nin contacto, os escolares intercambiaban con entusiasmo as súas vivencias dun verán tan atípico. Os mestres tentaban facelos calar para comezar a clase, pero "é que tiñamos moitas ganas de volver estar aquí", resumía un pequeno o sentir xeral de toda a comunidade educativa.
A presenza de xeles de mans e produtos de limpeza nas aulas é outra das novidades dun novo curso que xa está en marcha con novas rutinas que deben ser asimiladas e seguidas de forma estrita para que a pandemia non arruíne tamén a volta ás aulas.
Relacionadas:
-
O alumnado de primaria de Pontevedra, "un gran exemplo para a xente maior" que merece a felicitación do alcalde
Por Redacción |
-
Educación contratará preto de 2.000 docentes para atender as demandas expresadas desde os centros de ensino
Por Redacción |
-
Familias do CEIP Praza de Barcelos: "Nos suprimen unha aula cando máis falta fai. É incomprensible"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Adíase o comezo do curso en Secundaria, Bacharelato, FP e Réxime Especial ao 23 de setembro
Por Redacción |
-
O colexio de Mosteiro, sen nenos ata que Educación garanta aos pais que "é seguro" tras un caso de COVID-19
Por Alejandro Espiño |
-
7.914 escolares de Pontevedra volverán ás aulas a partir do 10 de setembro
Por Manu Otero |
-
A educación infantil en formato burbulla ponse en marcha en Pontevedra
Por Manu Otero |