Lores fai un chamamento á calma e responsabilidade na nova situación de alerta sanitaria do concello
Por Redacción
O Concello de Pontevedra recibiu este mércores a confirmación de que Pontevedra ía ser incorporada aos lugares de especial restricción en Galicia con motivo da pandemia da Covid-19.
O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores foi informado directamente por responsables da área sanitaria de Pontevedra desta decisión, tomada por motivos puramente sanitarios. A eles reiteroulles a total colaboración do Concello de Pontevedra como sempre fixo ao longo da pandemia.
O alcalde quere facer "un chamamento á calma e á responsabilidade dos pontevedreses e pontevedresas para afrontar esta nova situación de restriccións, para volver canto antes á nova normalidade".
Tamén convocou para o xoves, ás 09.00 horas ao Comité de seguimento da COVID do Concello de Pontevedra para estudiar as medidas que se porán en marcha por parte da autoridade sanitaria dende esta medianoite, e que se coñecerán ao longo desta tarde nunha publicación oficial; así como a posibilidade de valorar outras medidas a implementar para garantir a seguridade de todos os veciños.