A Fábrica de Luz en Caldas acolle obras de urxencia para mellorar a súa seguridade
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis finalizou os traballos urxentes realizados na antiga central hidroeléctrica de Segade de Arriba, na parroquia de San Andrés de César, próxima á fervenza de Segade. Con estas obras dotouse de seguridade a esta contorna da coñecida popularmente como "fábrica da luz", porque na súa orixe, en 1899, ofrecía electricidade aos municipios de Cambados, Vilagarcía e Padrón, ademais de a Caldas.
Segundo explicaba o concelleiro de Obras e Infraestruturas Manuel González, en 2017 o Concello adquiría a parcela na que se atopa o inmoble. Agora realizáronse traballos establecidos polo arquitecto Julio Besiga para garantir a seguridade en todo este espazo perante a chegada de visitantes.
A partir de agora está previsto que se desenvolva un plan de recuperación desta zona de valor natural, cultural e paisaxístico. Esta parcela conta con 10 edificacións que foron revisadas e sinalizadas, con marcas para impedir o acceso en zonas nas que poden producirse desprendementos.
Nas instalacións poden verse dúas antigas vivendas, a cheminea de ladrillo, tres muíños e varias estruturas anexas á nave principal. Tamén se revisou o estado dos muros para evitar que caesen e rozouse todo o espazo.
A intención do goberno local é que se realicen traballos para protexer os encabezamentos dos muros e garantir a estabilidade cunha avaliación estrutural dos inmobles e da cheminea. Todo este traballo completarase coa cimentación dos muros e os terreos de apoio.
Relacionadas:
-
Caldas activará un novo obradoiro de emprego para a recuperación paisaxística da área da Fábrica da Luz
Por Redacción |
-
Rematado con éxito o muro de Segade de Abaixo malia as dificultades do terreo
Por Redacción |
-
A finca de Segade busca ser "referente" no turismo industrial da provincia
Por Redacción |