Román Rodríguez, novo conselleiro de Educación: "A volta ás aulas é un reto de país"
Por Oskar Viéitez
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, cualifica de "reto de país" a volta ás aulas a partir deste xoves, o que require dun "esforzo de colaboración" por parte do conxunto da comunidade educativa "e, especialmente, das administracións".
Así o sinalou ao comezo dunha reunión de traballo cos xefes territoriais e os inspectores xefes de Educación das catro provincias, no que foi a súa primeira toma de contacto co sector educativo tras asumir a carteira de Educación do goberno galego.
O conselleiro fixo un chamamento expreso á "unidade e cooperación" por parte de todos os axentes implicados, desde as familias ata o profesorado, as organizacións sindicais, as administracións e os xestores dos servizos complementarios, no obxectivo compartido de que o curso comece con todas as garantías de seguridade.
"A máxima prioridade é que os centros sexan lugares seguros", subliñou o conselleiro, que avoga por traballar dun xeito "racional, participativo, coordinado e responsable" para un retorno ás aulas na mellor situación posible.
Así mesmo avanzou que o actual protocolo é "un punto de partida inicial" sobre o que se vai traballar a partir de agora para "implementar melloras" no documento e "concretar algúns dos aspectos nel recollidos", como están pedindo os centros.
Román Rodríguez comprometeuse a estar "a altura das circunstancias" nun escenario difícil, onde "o risco cero non existe"
Nesta primeira intervención como conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez aproveitou para recoñecer publicamente a implicación dos equipos directivos e do conxunto do profesorado que levan traballando "de xeito comprometido e contra reloxo, debido ao retraso do ministerio en fixar xunto coas comunidades as liñas mestras do protocolo", durante todo o verán, e especialmente nestas últimas semanas, para afrontar o inicio de curso "coa máxima normalidade posible".
Tamén lanzou unha "mensaxe de tranquilidade ás familias" como peza fundamental do sistema, e que desde a consellería "vamos acompañar en todo este proceso desde a máxima responsabilidade e compromiso".
Román Rodríguez comprometeuse a estar "a altura das circunstancias" nun escenario difícil, onde "o risco cero non existe" e que obriga a traballar arreo para protexer "os piares do noso sistema educativo, que son a calidade, a equidade e a igualdade de oportunidades".