Galicia avanza na reactivación do turismo de cara ao outono
Por Redacción
O turismo é un dos grandes motores da economía galega. Nesta situación excepcional marcada pola pandemia do coronavirus, a Xunta continúa co seu esforzo para garantir que Galicia siga posicionada como un destino seguro para os visitantes. Un traballo que contribuirá a preservar o emprego e reactivar a economía nos diferentes sectores.
En breve pecharase a etapa estival, que tan bos resultados está a ter, dadas as circunstancias, por iso desde o Goberno autonómico xa se está a traballar en como dar continuidade durante o outono a un turismo tranquilo e hospitalario, que busca o contacto co territorio, tan necesario nestes días, e que contribúa á reactivación tanto económica como emocional da poboación galega.
A crise sanitaria demandou respostas por parte da Xunta de Galicia en apoio ao sector turístico. Unha vez rematado o período de confinamento e as restricións que afectaron á libre circulación das persoas, o Goberno autonómico esforzouse por presentar a Galicia como un destino seguro a través de diferentes accións, como o deseño de guías en canto a medidas de hixiene e seguridade nos establecementos hosteleiros e de outras actividades de cara ao público.
SANXENXO, MODELO DE REACTIVACIÓN TURÍSTICA
Tendo en conta que o turismo representa o 10% do PIB de Galicia e xera o 11% dos postos de traballo e que, ademais, ten un importante efecto arrastre noutros ámbitos como pequeno comercio, agricultura e pesca, construción, empresas téxtiles ou asesoría de empresas, entre outros, o balance deste traballo do Goberno galego pola reactivación do turismo non pode ser máis positivo.
Durante os meses de verán os viaxeiros elixiron Galicia para o seu lecer e tamén como destino seguro. No caso da provincia de Pontevedra, o balance da reactivación nos meses de verán é altamente satisfactorio. En concreto, no mes de xullo, a Comunidade galega recibiu preto de 400.000 viaxeiros, dos que máis de 120.000 visitaron esta provincia. Á cabeza desta reactivación atópase a vila de Sanxenxo que con preto de 103.000 pernoitas se converteu en xullo no destino máis importante de Galicia, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE).
O TURISMO MÁIS ALÓ DO VERÁN
Superados os primeiros meses meses da chamada 'volta á normalidade', a Comunidade Autónoma galega atópase preparada para seguir reactivando o turismo e dar, en certa medida, continuidade á temporada estival con propostas adaptadas.
Deste xeito, a Xunta de Galicia mantén activas varias liñas de traballo coa vista posta no outono. Con gran previsión, o pasado mes de abril arrincaba o Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico dotado con 58 millóns de euros, que xa ten en marcha o 75% das súas medidas de actuación. Agora, o obxectivo de cara ao outono está en reforzar as experiencias turísticas dirixidas ao mercado máis próximo, é dicir, ao nacional e ao dos propios galegos que se despracen pola comunidade.
TURISMO DE EXPERIENCIAS E LONGAS ESTADÍAS
As circunstancias excepcionais demandan respostas adaptadas. Neste senso, a oferta turística galega para o que resta de 2020 ofrece citas consolidadas de grande éxito, como o Outono Gastronómico ou Elixe Galicia, mesturadas con outras propostas que avanzan na adaptación de formatos ás novas tecnoloxías e ás necesidades dos viaxeiros.
A Xunta traballa para impulsar a dixitalización, que no caso do turismo rural vaise desenvolver a través dunha nova plataforma de comercialización para facilitar as reservas online. Incentivaranse tamén as estadías de longa duración neste tipo de establecementos, agasallando aos visitantes con experiencias turísticas complementarias en xeodestinos ou cidades galegas. Así mesmo, vaise reforzar o papel do turismo enogastronómico, en colaboración coas Asociacións das Rutas dos viños de Galicia.
Outra das medidas para incentivar o turismo e a mobilidade interior, ademais do seu carácter solidario, é o Bono Turístico, que supón unha inxección de 5 millóns de euros nas empresas turísticas e permitirá fomentar o turismo interno nos últimos meses do ano. Máis de 15.000 empregados dos sectores sanitarios e sociosanitarios que traballaron en primeira liña na loita contra a Covid-19 solicitaron este bono, que poden empregar ata decembro nas máis de 400 empresas adheridas, para desfrutar de diferentes experiencias turísticas. Destas empresas, o 40% sitúase na provincia de Pontevedra.
ALBERGUES DE PEREGRINOS CON RESERVA ONLINE
O Camiño de Santiago é outro dos motores da reactivación. Entre xullo e agosto houbo un incremento do 70% deste tipo de visitantes, pasando de 9.752 a 16.572 peregrinos, é dicir, un total de 26.324. Por iso, de cara ao outono continuará a aposta polo programa Camiño Seguro, un traballo en colaboración co Instituto para la Calidad Turística Española (ICTE), que inclúe materiais con diferentes recomendacións, así como prevención.
Todas estas medidas compleméntanse coa creación por parte da Xunta de Galicia da páxina web alberguesxacobeo.gal, unha plataforma online para reservar praza nos albergues públicos do Camiño de Santiago. Posta en marcha o pasado 1 de xullo, xa é empregada por seis de cada dez peregrinos que fan uso dos albergues públicos.
TURISMO DE CONGRESOS
Outra das apostas do Goberno autonómico é o chamado turismo M.I.C.E. (Meetings, Incentives, Conventions and Exhibitions), acrónimo en inglés utilizado para definir o turismo de reunións, conferencias e eventos profesionais, que se estima engloba ao 20% dos visitantes.
Para reactivar este turismo de congresos, tan importante pola cantidade de sectores e profesionais implicados, a Xunta traballou na creación dun novo plató virtual para a celebración deste tipo de eventos e que permite combinar o formato presencial para un aforo reducido e a modalidade online, en adaptación á situación sanitaria. Xa hai unha vintena de solicitantes para celebrar eventos nos vindeiros meses.
Situado na Cidade da Cultura de Galicia, o estudo é un dos compromisos coa Asociación de Organizadores Profesionais de Congresos de Galicia ao abeiro do Plan de Reactivación dos sectores cultural e turístico. Ten dous sets que simulan un estudo de televisión, onde se poden celebrar eventos presenciais, virtuais ou híbridos. Conta con canle de streaming de ata 1.000 asistentes e poden realizarse videoconferencias con capacidade de ata 500 asistentes.