Trasladado ao Hospital do Salnés o tripulante dunha lancha que envorcou ao impactar contra unha batea na Illa de Arousa
Por Redacción
Pasada a medianoite deste martes 8, un particular alertaba ao 112 Galicia para pedir asistencia médica para o tripulante dunha lancha planadora que se atopaba ferido tras estrelarse a embarcación que manexaba contra unha batea na Illa de Arousa.
Ata o lugar desprazábanse profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061; Garda Civil de Cambados, Salvamento Marítimo de Fisterra e Emerxencias Cambados. O accidente rexistrábase no Peirao do Campo.
Segundo indica o servizo do 112 Galicia descartouse a necesidade de enviar medios de rescate porque a lancha fora remolcada por outros particulares e o ferido, J.N.R. de 33 anos, estaba a ser atendido polos efectivos do 061.
O home presentaba cortes profundos no queixo e na gorxa, segundo a información facilitadad polos servizos de Emerxencias, e foi trasladado ao Hospital do Salnés. Investíganse as causas do accidente que se producía cando a lancha impactaba contra unha batea e envorcaba.