Atopan un cadáver en avanzado estado de descomposición nun monte de Berducido (A Lama)
Por Redacción
A Lama foi o escenario este sábado dun macabro achado. A Garda Civil investiga a aparición dun cadáver en avanzando estado de descomposición nun monte da parroquia de Berducido. Foi atopado por un veciño da zona que se atopaba paseando. Segundo as primeiras estimacións, trataríase dos restos dunha única persoa, probablemente varón e cuxa morte non sería recente.
Segundo informan Begoña Márquez e Ujué Foces en Faro de Vigo, a aparición destes restos humanos produciuse a media tarde do sábado. Ao parecer, estaban ao aire, sen enterrar nin ocultar e aparentemente debían levar moito tempo alí. O levantamiento do cadáver, que non estaba completo probablemente pola acción depredadora dalgún animal, permitiu apreciar que se trataría do corpo dun home.
A Garda Civil realizou unha inspección ocular pola zona ante a posibilidade de que se puidesen atopar máis probas relacionadas con este suceso ou por se puidesen atopar máis restos humanos nas inmediacións do lugar.
O mesmo rotativo sinala que, ao principio, chegouse a pensar que o corpo achado podería ser o de Sonia Iglesias, a pontevedresa desaparecida sen deixar rastro hai xusto tres anos. Aseguran que a familia da súa exparella e único imputado ten unha casa na Graña, a uns 10 quilómetros do lugar e os veciños din que o home vai moito por alí. En todo caso, unha hipótese que parece descartada agora.
Para tratar de identificar á vítima, a Garda Civil empezará repasando as desaparicións máis recentes ocorridas en toda a provincia. Mentres tanto, a autopsia que se realizará no Instituto de Medicina Legal de Pontevedra tratará de arroxar luz sobre as circunstancias do falecemento e determinar a causa da súa morte.