Preocupación no PSOE de Marín polos malos datos económicos e demográficos no municipio
Por Oskar Viéitez
O Partido Socialista de Marín móstrase preocupado polos malos datos económicos e demográficos no municipio.
Os socialistas alertan da perda de poboación que sofre Marín desde fai nove anos consecutivos. Segundo o Instituto Nacional de Estatística, Marín perdeu 1.700 habitantes neste tempo.
Igualmente sinala o PSOE os malos indicadores económicos do municipio que, segundo sosteñen, sitúan a Marín como " un dos municipios con maior descenso na taxa de crecemento empresarial de toda a provincia". Segundo o informe publicado polo Instituto Galego de Estatística, desde 2014 o tecido empresarial/comercial de Marín, decreceu un -9,26 %.
Os datos do paro do mes de agosto reflicten que Marín é un dos concellos da provincia onde máis aumentou o paro con 53 novos desempregados.
Diante de todos estes datos o grupo municipal do PSOE esixe ao Goberno local "que tome as medidas oportunas para reverter esta perigosa situación".