O PP alerta doutra "esterqueira" para denunciar o mal funcionamento do servizo de limpeza en Pontevedra
Por Redacción
O Partido Popular de Pontevedra volve denunciar a acumulación de residuos na cidade. Se a pasada semana o portavoz dos populares, Rafa Domínguez, denunciaba a presenza dun "esterqueira" na estrada vella cara a Marín, agora alerta doutro nas inmediacións do albergue de peregrinos Virxe Peregrina.
"A primeira imaxe desde hai anos que os peregrinos teñen cando chegan a Pontevedra é unha enorme esterqueira, con todo o que iso conleva: problemas de cheiros, insalubridade e, desde logo, unha imaxe pésima a nivel turístico da nosa cidade", critica o líder da oposición.
"A acumulación de refugallos e de lixo que chega a invadir a calzada. É o resultado de anos de deixamento. O BNG non tomou nin unha soa medida nos últimos anos para que Pontevedra sexa unha cidade limpa. Puxemos de manifesto que existen outros modelos de recollida e obtivemos a calada por resposta”, continúa Domínguez, quen convida ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, a reunirse cos veciños, "a dar a cara, e a poñerse a traballar dunha vez".
Neste sentido, insisten desde o PP que o servizo de recollida de lixos e limpeza na cidade “non está á altura do minimamente esixible para unha cidade como Pontevedra. Estamos a pagar a taxa de lixos máis cara de toda Galicia, dobrando mesmo a cidades moito máis limpas como A Coruña", conclúe o edil popular.