Planifican a desinfección dos colexios públicos desde o Concello pero alertan que a responsabilidade correspóndelle á Xunta
Por Redacción
Vinte colexios públicos de Pontevedra analizáronse por técnicos municipais para levar a cabo un plan de traballos de desinfección durante o inicio do curso escolar. Este luns, a concelleira que exerce de portavoz do goberno local de Pontevedra Carme da Silva afirmaba que se están ultimando estes labores para que o 10 de setembro os estudantes poidan volver ás aulas con todas as garantías.
"A Xunta recibiu fondos extraordinarios para facer fronte ao sobrecoste de desinfección para abordar estes traballos", apuntaba a concelleira indicando que, polo momento, desde a administración autonómica non se aclarou quen financiará estas actuacións. "Non é competencia municipal", indicaba Da Silva e aclaraba que se trata de que estes labores supoñen un sobrecusto, coa adaptación aos protocolos.
Indicou que o último protocolo da Xunta, emitido a finais de agosto, supuxo unha modificación do anterior e que se está traballando intensamente para adaptarse, pero afirmou que terán que ser financiados estes traballos polo goberno autonómico.
A concelleira aclarou que o concelleiro de Limpeza, Raimundo González Carballo, está a manter esta actividade por responsabilidade co ensino público: "Non se van poder quedar sen ir ao cole porque non se desinfecte o centro", afirmou Carme da Silva en referencia ás necesidades do alumnado e lamentando a "incomparecencia" por parte da Xunta.
Neste sentido, aclaraba que a limpeza é unha competencia municipal pero que a desinfección é un procedemento que corresponde á administración autonómica e lembrou que será necesario realizar limpezas durante o horario lectivo en varias ocasións durante a xornada. Isto suporá un incremento no persoal que atenda este servizo para evitar contaxios.
Relacionadas:
-
Pontevedra contrata a 16 persoas para a limpeza extraordinaria dos colexios
Por Oskar Viéitez |
-
Un informe da Deputación conclúe que a desinfección dos colexios non é competencia dos concellos
Por Redacción |
-
Haberá comedores escolares se a Xunta ratifica o seu compromiso de incrementar o seu apoio
Por Alejandro Espiño |
-
7.914 escolares de Pontevedra volverán ás aulas a partir do 10 de setembro
Por Manu Otero |
-
Colexios e institutos buscan novos espazos para cumprir coa distancia de seguridade entre estudantes
Por Manu Otero |
-
O curso escolar será presencial e os colexios permanecerán abertos aínda que haxa positivos
Por Natalia Puga |