Duascentas persoas participarán nunha xornada de orientación no lago de Castiñeiras
Por Redacción
A través do programa Vive Deporte, a Deputación de Pontevedra organizará unha xornada de orientación que, dirixida a familias, parellas e deportistas individuais, vaise celebrar o domingo 27 de setembro no monte do lago de Castiñeiras.
O obxectivo das persoas participantes é realizar no menor tempo posible un percorrido marcado no terreo por puntos de control e coa axuda dun mapa, que se lles entrega xunto co material preciso para a realización da actividade no punto de partida.
As persoas interesadas en asistir poden anotarse de xeito gratuíto no sitio web da Deputación (www.depo.gal) ata completar o límite das 200 prazas. Aquelas persoas que se apunten con posterioridade, ata un máximo de 100, pasarán á lista de agarda.
O prazo para inscribirse, de non completarse antes o aforo, rematará o 21 de setembro ás 12 horas.
Vive Deporte ten como obxectivo fomentar o deporte á vez que se pon en valor os montes da provincia, a súa riqueza natural, ecolóxica e patrimonial.
O programa está dirixido a todas aquelas persoas que gocen do deporte en contacto coa natureza e aposten por actividades sustentables e inclúe, aparte das actividades de orientación, unha trintena de rutas e andainas.