Os veciños de Caldas participan nunha andaina que pon en valor a biodiversidade do Umia
Por Redacción
As marxes do río Umia foron durante a mañá deste sábado o escenario dunha andaina impulsada por iniciativa veciñal e coa colaboración do Concello de Caldas co obxectivo de informar e dar a coñecer a gran variedade de especies que habitan os ecosistemas deste curso fluvial.
A ruta contou cunha importante e activa participación veciñal. Partiu pasadas ás 10:00 horas da zona das Corticeiras e finalizou na fervenza de Segade pasadas as 14:00 horas. O experto local na biodiversidade do Umia, Santiago Monteagudo, fixo de guía e dirixiu os procesos de observación e identificación de especies. Ao longo do traxecto tamén se foi recollendo o lixo presente como iniciativa dentro da campaña #mipueblosinbasuraleza.
As libélulas e os cabalos do demo foron neste caso as principais protagonistas, tendo en conta que a confluencia de varias canles fluviais e a diversidade de ecosistemas hidrolóxicos que conforman fan de Caldas un enclave ideal para a vida destes insectos.
Monteagudo ten rexistrado nos ríos do termo municipal ata 35 das 50 especies que habitan Galicia e que son moi sensibles a cambios nos ecosistemas, polo que a súa elevada presenza permite valorar positivamente a calidade da auga e o estado de conservación do río.
Xunto coas libélulas, as lontras tamén tiveron un papel destacado na andaina e unha parella deixouse ver durante un bo tempo para ledicia dos presentes. Así mesmo, observáronse garzas, ánades azulóns, caranguexos, etc. Para Monteagudo "é un orgullo ter no propio casco urbano uns ríos naturalizados con tanta riqueza e biodiversidade e que poidamos contar coa presenza do 80% dos réptiles que hai en Galicia e co 70% das libélulas".
Ao longo da andaina tamén se destacou a importancia da vexetación presente no cauce do río. As canas e as plantas flontantes son parte fundamental para o hábitat de insectos, réptiles, aves, e para as propias lontras.
É por iso, polo que o Concello lembra que todas as actuacións levadas a cabo no río e as que quedan por executar desenvólvense baixo estritos parámetros técnicos e seguindo, particularmente, as indicacións do estudo realizado polo doutor Pedro Calaza en coordinación co Grupo Naturalista Hábitat, que fai fincapé en que calquera acción de conservación levada a cabo debe realizarse atendendo ao respecto e á conservación da biodiversidade asociada a estes espazos.
Pola súa banda, o Concello recorda que o concepto de 'maleza', que moitas veces se asocia á vexetación dos ríos, é anacrónico pois en realidade xera numerosos beneficios ambientais.
A presenza de herbas que colonizan zonas de canles fluviais e que a cidadanía pode interpretar como maleza, son en realidade plantas dunha contorna natural que funcionan ecoloxicamente como filtro da auga e da contaminación, ademais de como refuxio de microfauna. Porén, é moi importante traballar de maneira planificada en todas as actuacións para preservar os servizos ecosistémicos de toda a vexetación. Neste sentido, Santiago Montegudo apuntou que "dende que se deixaron de facer dragados do cauce e rozas indiscriminadas a biodiversidade do río mellorou moito".
No marco das actuacións de mantemento das marxes fluviais, o Concello informou que ten programada a limpeza da fachada da casa consistorial na zona 'bañada' polas augas do Umia.
Os traballos realizaranse cando as condicións biolóxicas sexan as máis adecuadas por parte dunha empresa especializada, de maneira que se garanta a conservación do ecosistema fluvial e non se produza ningún dano sobre as especies que habitan estas ribeiras.
Relacionadas:
-
O Concello de Caldas proxecta a homologación da Ruta da Auga
Por Redacción |
-
Caldas pon en marcha unha campaña de eliminación de especies invasoras no curso do río Umia
Por Redacción |
-
Caldas de Reis finaliza a reparación urxente da Pontella de Segade
Por Redacción |
-
Caldas convida a coñecer a biodiversidade do Umia cunha andaina divulgativa
Por Redacción |