Cigalas para todos! Que ningún marinense quede sen elas...
Cigalas cocidas, á prancha, ao allo, con arroz caldoso, en empanada... Sexa como sexa, esta fin de semana a cigala é a protagonista en Marín. Centos de persoas achegáronse este sábado á Alameda marinense para degustar parte dos 1.500 quilos de cigala que a Asociación de Comerciantes e Industriais de Marín pretenden servir durante os tres días da decimonovena edición da Festa da Cigala.
Os asistentes poderán gozar ata este domingo, entre os 4 e os 14 euros, de diferentes pratos como as cigalas cocidas (12 euros), cigalas á prancha flambeadas (14 euros), arroz caldoso de cigala (6 euros), cigalas ao allo (14 euros) ou da empanada de cigalas e gambas (4 euros). Ademais, ofreceranse gambas á prancha (7 euros), cocidas (7 euros) e ao allo (8 euros), croquetas de marisco (7 euros), polbo (8 euros) e tortilla de gambas (5 euros).
A carpa de degustación estará aberta, tanto o sábado como o domingo, desde as dez da mañá ata as doce da noite.
Ademais, no marco desta XIX Festa da Cigala celebrouse este sábado o VIII capítulo da Orde da Cigala de Marín. A alameda marinense foi testemuña de excepción da entrega das capas aos novos cofrades. Tras este acto, que estivo presidido pola alcaldesa de Marín, María Ramallo, os homenaxeados e os seus acompañantes asistiron a unha comida oficial que se celebrou no restaurante Xan Xián.
En total, foron seis os novos cofrades recibiron este recoñecemento. Entre eles destacan os nomes do director de Escola Naval de Marín, Juan Sobrino Pérez-Crespo, ou dos empresarios Agustín Sabino Rodríguez Sanjorge, coñecido no sector de construción, Luís Martínez e Jesús López Mouriz. Outros dos recoñecidos foron Alfonso Benito Pérez Martínez, traballador da Autoridade Portuaria de Vigo e o expolicía Antonio Vaz Anta.
Relacionadas:
-
A cigala chega este ano a Marín tamén en empanada de lamprea
Por Redacción |
-
Acima fai un balance satisfactorio da Festa da Cigala
Por Oskar Viéitez |
-
A XIX Festa da Cigala xa ten nova data: o 23, 24 e 25 de agosto na Alameda de Marín
Por Redacción |
-
A Festa da Cigala volve á Alameda de Marín despois de 12 anos
Por Diego Espiño |