Os socorristas de Xiorto e Cabeceira realizaron 56 intervencións en agosto
Por Redacción
O número de intervencións realizadas durante o mes de agosto polos socorristas nas praias de Xiorto, na parroquia de Raxó, e Cabeceira, en Lourido, foron sensiblemente inferiores ás levadas a cabo durante xullo, unha situación que pode achacarse ao empeoramento das condicións meteorolóxicas, especialmente a partir da segunda quincena.
Así, os responsables deste servizo de vixiancia efectuaron 56 intervencións, o que supón unha caída de máis do 41% con respecto ao mes anterior, cando se rozaron o centenar de requirimentos (96).
Onde se notou especialmente esta redución foi no areal de Cabeceira, que este ano volveu a lucir a bandeira azul. Se en xullo se realizaron 45 intervencións, en agosto os socorristas tiveron que prestar 19 auxilios, a maioría deles para atender feridas de diversa gravidade sufridas por bañistas. Tamén destacan as seis picaduras de faneca e catro de vespas. Ademais, tomóuselle a tensión a dúas persoas.
Con respecto a Xiorto, o número de feridos ascendeu a 27, ademais de atenderse dez picaduras de vespa e oito de fanecas, con outras dúas tomadas de tensión.
No apartado de rescates, só foi preciso auxiliar a un bañista en Raxó a principios de agosto, que precisou da axuda dos socorristas para saír da auga, logo de sufrir unha indisposición mentres se bañaba. Polo xeral, ningunha incidencia revestiu gravidade.
Tal e como vén sendo habitual nos últimos anos, os seis socorristas repartidos nestas dúas áreas continuarán mantendo o servizo ata o final do verán, ben entrado xa o mes de setembro.
Por outra banda, ao longo de agosto o Concello de Poio tamén deu resposta ás peticións realizadas desde a Asociación de Educación Ambiental del Consumidor (Adeac), para levar a cabo algunhas melloras. Deste xeito, procedeuse a reforzar o pintado de prazas de estacionamento destinadas a persoas con problemas de mobilidade.
Ademais, durante todo o verán se reforzou a dotación de xel hidroalcólico e material de protección para os profesionais. Neste sentido, ante a situación da pandemia da Covid-19, o goberno local procedeu a instalar paneis informativos nas 15 praias do municipio aptas para o baño.
A maiores, dotouse de xel e xabón aos aseos públicos existentes nos areais de Lourido, Cabeceira, O Laño e Xiorto, así como nos aseos situados no porto de Combarro e que adoitan ser utilizados polos bañistas da praia da Canteira.
Relacionadas:
-
Poio dá a benvida ao verán co izado da bandeira azul na praia de Cabeceira
Por Redacción |
-
O servizo de socorrismo de Poio conclúe a tempada con 173 intervencións
Por Redacción |
-
As picaduras de faneca 'pasan' das praias de Poio
Por Redacción |
-
Rescatan da auga a un home en apuros na praia de Xiorto
Por Redacción |
-
Os socorristas de Lourido salvan a un bañista en parada cardiorrespiratoria
Por Oskar Viéitez |