O público que acode á Feira da Cebola "fai máis fotos que compras"
Por Oskar Viéitez
Este venres 4 de setembro é Santa Rosalía festa patronal en Sanxenxo. A situación sanitaria derivada da pandemia trastornou todos os plans e a programación habitual do municipio tamén se viu afectada pola situación sanitaria.
Unha das citas tradicionais que se mantén é a Feira da Cebola aínda que este ano prescíndese do concurso e da entrega das Cebolas de Ouro.
Segundo explicou a concelleira de Cultura, Paz Lago a intención do Goberno local foi "manter a esencia da Feira que é a exaltación dos produtos propios da horta".
Así, con todas as medidas de seguridade necesarias, a Praza dos Barcos acolle este venres 40 postos que desde primeira hora tiveron unha gran afluencia de visitantes.
"Fai máis fotos que compras", comentaba unha das vendedoras sobre o público que acode á Feira.
O ambiente está a ser moi animado e por momentos houbo que facer cola para poder acceder ao recinto.
Ás dez da noite está previsto un concerto da Banda de Música de Sanxenxo na praza dos Barcos.