A adxudicataria terá que asumir a reparación das deficiencias na reforma dun camiño en Samieira
Por Redacción
A Xunta de Goberno do Concello de Poio acordou na súa última sesión, celebrada o martes 1 de setembro, facer un requirimento á empresa responsable do proxecto de mellora no Camiño da Publicada, na parroquia de Samieira, para que arranxe unha serie de deficiencias detectadas unha vez finalizadas as obras.
Tal e como explica a alcaldesa accidental e responsable de Obras, Chelo Besada, "os informes técnicos constatan a aparición de buracos e deficiencias no firme", polo que se realizará este requirimento á adxudicataria.
En caso de non ser atendida esta esixencia nun prazo de cinco días, a edil socialista aclara que será o Concello o que proceda a realizar as reparacións, que non suporán ningún custo a maiores, xa que serán cubertas con cargo á fianza depositada para responder das obrigas da obra. Esta garantía ten unha duración de 48 meses (a actuación finalizou en novembro de 2019).
O proxecto fora adxudicado a Nexia Infraestruturas a finais de xullo de 2019. A actuación contaba cun prazo de execución de dous meses e un orzamento que superaba os 55.000 euros, IVE engadido. As obras centráronse na renovación da rede de pluviais e a mellora do pavimento.