O río Miño, desde un punto de vista transfronteirizo con sete roteiros de ecoturismo gratuítos
Por Natalia Puga
Coñecer o río Miño e toda a súa área de influencia desde un punto de vista diferente, ecolóxico e con todas as medidas de seguridade necesarias para evitar contaxios de coronavirus. Esta é a nova oferta de lecer e turismo que acaba de anunciar a Deputación Provincial de Pontevedra, sete rutas ecoturísticas polo Miño transfronteirizo durante catro fins de semana a partir do 12 de setembro.
O proxecto, bautizado 'Vive o Rio Minho’, convida á cidadanía a facer seis rutas dun día e unha dunha fin de semana completa polos concellos galegos e portugueses situados ás dúas marxes da vía fluvial. Son actividades de balde, pero que precisan inscrición previa e teñen prazas limitadas, unha media de 50 por actividade.
O deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez; a presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva; e e Raúl Fernández, da empresa organizadora, Xeitura, presentaron este xoves as actividades, que buscan ofrecer unha alternativa turística adaptada ás esixencias da sociedade post Covid-19.
'Vive o Río Minho' dá a oportunidade de "coñecer o territorio dun xeito tranquilo, seguro, e buscando a natureza e todo o que ofrece o río Miño", como se pode comprobar xa na oferta prevista para a primeira fin de semana Así, o sábado 12 de setembro está organizada unha ruta de sendeirismo nas marxes do Miño e do río Deva ata o alto da Moura e unha visita a Melgaço e o domingo 13, un descenso no río Miño, unha visita guiada a unha adega en As Neves e a visita aos petróglifos da Coutada.
O sábado 19 a oferta será un percorrido circular pola contorna de Salvaterra e a visita a una viña e ao Museo do Viño; o domingo 20 haberá ruta polo municipio de Monçao coñecida como ‘A Cova da Moura’, unha vista ao palacio da Brejoeira e unha visita a Monçao.
O sábado 26 a actividada consistirá nun percorrido en bici pola ecovía do Miño entre Valença e Vila Nova de Cerveira, e unha visita guiada por Valença e Tui. O domingo 27 será a quenda dunha ruta de sendeirismo entre a desembocadura do Tamuxe e o porto de Goián, a visita á fortaleza, e un tramo en caiac polo río.
A programación pechará a fin de semana do 3 e 4 de outubro, cunha actividade de dous días de duración na desembocadura do río Miño que combinará rutas de sendeirismo, observación ornitolóxica, visitas guiadas e unha visita dramatizada no castro de Santa Trega.
O proxecto está aberto a toda a cidadanía. Os interesados en asistir ás dúas primeiras rutas, o sábado 12 e o domingo 13, xa poden inscribirse a partir das 9.00 horas deste venres a través na páxina web da Deputación. As prazas cubriranse por orde de chegada. As inscricións para as seguintes actividades realizaranse de xeito escalonado, sacando as prazas o luns anterior á súa celebración.
Uxío Benítez fixo un chamamento á cidadanía para que participe e coñeza unha das zonas da provincia que, precisamente por ser transfronteiriza, "é moi descoñecida" e Carmela Silva destacou que a proposta é "espectacular" e "atractiva" para coñecer un territorio común "único" por ese carácter transfronteirizo.