Un equipo da TV pública francesa elixe Pontevedra para ilustrar un "mundo sen coches"
Por Alejandro Espiño
Pontevedra será a protagonista dunha reportaxe especial que a televisión pública francesa emitirá nas próximas semanas sobre cidades que apostaron por impulsar un "mundo sen coches", reducindo a presión dos vehículos privados sobre a mobilidade urbana.
Un equipo de catro persoas, encabezado pola xornalista Raphaële Schapira, desprazouse á cidade, onde estarán o próximos cinco días, para gravar unha reportaxe duns vinte minutos que emitirá France 2, a segunda cadea do ente público.
Será dentro do programa Envoyé spécial (Enviado especial), unha especie de Informe Semanal que recolle reportaxes sobre diversos temas de actualidade.
É un dos programas máis veteranos da televisión francesa, xa que comezou a emitirse en 1990. Actualmente, é visto cada semana por uns tres millóns de espectadores.
Schapira, acompañada dunha tradutora, entrevistou este xoves ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, para coñecer os detalles do modelo urbano implantado en Pontevedra e que recibiu numerosos premios internacionais.
Nos próximos días, segundo confirma o equipo de France 2, rodará diversas secuencias no espazo público da cidade e falarán con cidadáns, comerciantes ou autoridades para coñecer principalmente "se queda alguén excluído desta política" ou se ás persoas que viven fóra da cidade "cústalles vir dentro e gozar desta calidade de vida".
Explican que en Francia ningunha cidade implantou un modelo global como o de Pontevedra que, segundo aseguraron, "ten bastante fama" no país francés por ser un "bo exemplo dunha política global e pensada desde un punto de vista social" para recuperar o espazo urbano para os cidadáns.
"Non hai moitos exemplos deste tipo con cidades deste tamaño polo que nos resulta moi interesante", engadiu a portavoz do equipo de France 2, que asegura que por agora esta reportaxe aínda non ten data confirmada de emisión.
Relacionadas:
-
Toulouse abraza o modelo urbano de Pontevedra no Forum Zéro Carbone
Por Redacción |
-
Pontevedra, exemplo de boas prácticas en materia de mobilidade para publicacións de Austria e Italia
Por Redacción |
-
Valencia premia a Pontevedra pola súa "exemplar" transformación urbana
Por Alejandro Espiño |
-
O xornal italiano La Repubblica descobre Pontevedra, a "cidade sen coches"
Por Alejandro Espiño |
-
2018, o ano do 'boom' mediático da transformación urbana de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra, un "paraíso para vivir" segundo o xornal británico The Guardian
Por Alejandro Espiño |