Dúas empresas doan mil máscaras infantís aos tres colexios de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de entregar un gran paquete de 1.000 máscaras infantís, destinadas á protección dos cativos fronte ao coronavirus, nos tres colexios públicos do municipio, Carballedo, Tenorio e San Xoán Bautista de Cerdedo, co obxectivo de intensificar as medidas de prevención para o inminente curso escolar, que comeza en dez días e para o que se están a artellar diversos protocolos sanitarios.
Este paquete de 1.000 máscaras de pequeno formato, adaptadas ás medidas das facianas dos cativos de ata 12 anos, foi doado ao Concello polas empresas Myagal e Montajes José Pichel xa no pasado mes de maio nun acto que contou coa presenza do alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e dos reponsables de ambas firmas, Guillermo Senra e José Pichel, que cabe sinalar que tamén é representante da corporación e concelleiro do goberno local.
Esta medida vai permitir que os máis de 300 nenos de Educación Infantil e Primaria que hai no municipio repartidos entre os tres centros poidan dispoñer desde que arranque o curso dunha media de tres máscaras infantís para comezar coas clases de xeito seguro.
Por este motivo, os concelleiros Fernando Vázquez, Lourdes Ovelleiro, Javier Lois e Belén Casado desprazáronse ata estas escolas para facerlle entrega destes lotes aos responsables directivos das mesmas.
O rexedor local reiterou o seu agradecemento ás firmas Myagal e Montajes José Pichel na liña de gran solidariedade amosada por bastantes negocios e veciños de Cerdedo-Cotobade durante esta crise sanitaria.
Cubela explicou que a decisión de destinar estas máscaras ao comezo do curso "débese a necesidade de outorgar a maior protección aos nosos nenos, colaborando dende o Concello malia que estes equipos de protección xa están moi implantados na sociedade" e destacou o sentido de anticipación e previsión por parte do goberno local para facer acopio e contar con reservas de máscaras para afrontar calquera contixencia ou circunstancia prevista con concorrencia de persoas, como é o caso do curso escolar.
Relacionadas:
-
O colexio de Carballedo estrea unha horta escolar ecolóxica
Por Redacción |
-
Barro entregará máscaras aos centros educativos do municipio
Por Redacción |
-
Cuntis e a ANPA do colexio Don Aurelio mercarán 18.000 máscaras para o inicio do curso
Por Redacción |
-
Poio solicita á Xunta que ceda aos colexios o material de protección sobrante das eleccións autonómicas
Por Oskar Viéitez |