Os socialistas urxen a dimisión da presidenta da autoridade portuaria de Vilagarcía
Por Oskar Viéitez
O parlamentario socialista Julio Torrado vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias nas que reclama a "dimisión fulminante" da presidenta da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, Sagrario Franco Malvar.
Así o fixo logo de coñecer unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificando a multa e a obriga de repoñer o dano provocado por parte do Porto ao verter 7.000 metros cúbicos de restos de obra á ría no ano 2014, que cualifica de "atentado medioambiental".
O responsable socialista reclama ademais a intervención da Xunta, a través dos seus representantes no Consello de Administración do Porto de Vilagarcía, para solicitar a dimisión da presidenta do ente e reclamar o cumprimento da sentenza á maior brevidade renunciando a calquera recurso a instancias superiores.
Torrado censura que a Autoridade Portuaria se teña negado a dar explicacións sobre o asunto "nin a emitir ningunha valoración, nin sequera aclarando se van dar por cumprida a sanción que obriga a pagar unha multa e a repoñer a acción".
Esta sentenza do TSXG ratifica a sentenza recente do Xulgado do Contencioso – Administrativo nº 1 de Pontevedra logo da denuncia presentada pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa.
O parlamentario arousán sinala que "esta infracción, grave, resulta un verdadeiro atentado medioambiental" ata o punto que a propia sentenza xudicial advirte dunha "auténtica montaña formada por terra, pedras, asfalto, tubos de plástico, madeira e formigón".