Barro pasa revista ao seu colexio diante do inminente inicio do curso
Por Redacción
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, visitou este mércores o colexio do municipio para comprobar o resultado dos traballos de mantemento realizados durante o verán e a adopción das medidas necesarias para previr contaxios por coronavirus diante do inminente inicio do curso.
Acompañado pola concelleira de Educación, o director do centro e membros da directiva da Anpa, o rexedor percorreu o colexio para observar o resultado do pintado das aulas, o pulimento dos pisos e demais labores de mantemento que puideron realizarse grazas ao mantemento do servizo de limpeza a pesar da suspensión das clases.
Os labores de xardinería e o pintado de varandas asumiunas a Anpa, razón pola que o goberno local quixo agradecer expresamente a dedicación desta entidade para mellorar a imaxe do centro.
Con respecto á xestión do comedor, o alcalde posicionouse ao lado da asociación de pais no seu desencontro coa Consellería de Educación, que pretende facer asumir responsabilidades e gastos á Anpa "que non lle corresponden".
"No caso de que decidan volver a ofrecer o servizo de comedor poñemos á súa disposición o salón de actos da biblioteca para habilitalo como ampliación do comedor escolar garantindo desa maneira as separacións entre os usuarios", asegurou Abraldes.