Este 2020 arrancaba para o Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas con perspectivas absolutamente optimistas. "Sensiblemente preocupados ata marzo" por se non chegaba o viño para abastacer a demanda. Nese momento rexistraba un crecemento en vendas do 14% respecto ao exercicio anterior. En abril, a cifra que se manexou era unha caída de venda anual do 33%. A peche de agosto, a caída modérase e estímase nun 12%.
"É unha sensación agridoce porque este era un ano que prometía moitísimo, sobre todo na internacionalización, pero comparado co mes de abril estamos mellor. Quédanos unha campaña importante como a de Nadal e imos ver o que pasa". Así se pronuncia Ramón Huidobro, director do C.R.D.O. Rías Baixas e secretario xeral da Conferencia Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas, en PontevedraViva Radio.
Explica no programa Mentres isto dure, como este sector tras o desconcerto inicial provocado pola declaración do estado de alarma, rapidamente foi tomando medidas para reconducir as súas accións no ámbito nacional e internacional ante un "problema conxuntural non estrutural".
Para a presente campaña da vendima habilitouse un protocolo de actuación contando con todas as partes do sector e coa administración autonómica a fin de "trasladar seguridade" ante a COVID19. Prevese unha colleita, en volume, similar ás de 2017 e 2018, superando as 37.000 toneladas de uva.