Temor na Rúa Santiña ante a presenza de "okupas" en edificios abandonados
Por Redacción
Catro edificios abandonados situados na Rúa Santiña están a causar un grave malestar entre os residentes desta rúa situada na zona do Burgo. Presentaron un escrito no Concello de Pontevedra denunciando a deterioración que presentan estes inmobles, con desgaste en fachadas e tellados, gretas, tellas soltas, afundimento do tellado ou baldosas soltas.
A veciñanza indica que este mal estado dos edificios pode terminar causando danos entre os viandantes #ante calquera desprendemento. Pero esta situación vese agravada pola presenza nas últimas semanas dun grupo de okupas que se instalaron nestas edificacións.
Segundo os veciños, estas persoas mostran síntomas de problemas toxicolóxicos e temen que poidan provocar incendios nestas casas vellas ao estar a utilizar aparellos eléctricos. Ademais denuncian que se están producindo perturbacións no barrio porque se está creando un foco de actividades relacionadas co trapicheo de drogas nesta contorna, despois das últimas redadas no Vao.
Esta situación provoca intranquilidade na veciñanza que reclama do Concello de Pontevedra algunha actuación para evitar situacións de insalubridad e de seguridade na Rúa Santiña. Sinalan que estes problemas foron trasladados a Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, tras a inauguración da iluminación da ponte do Burgo pero, ata o momento, desde o goberno local non se actuou na zona, segundo indican os representantes veciñais.