Adeus de Ana Vázquez á Policía Local de Sanxenxo tras tres décadas de servizo
Por Redacción
Tras 31 anos de servizo, a Ana Vázquez espéralle unha merecida xubilación. Durante tres décadas formou parte da Policía Local de Sanxenxo, corpo no que ingresou como auxiliar en 1989 e, apenas tres anos despois, converteuse na segunda muller policía.
Chegou ás Rías Baixas desde a súa Asturias natal e, segundo ela mesma relata, a súa vocación policial non ten precedentes na súa familia, dedicada á minería.
Aínda lembra con especial agarimo a súa primeira gran intervención policial. Foi apenas dous meses despois de converterse en axente, mentres controlaba o tráfico na praza Pascual Veiga,
"Vi como unha señora empezaba a gritar que lle roubaban a carteira e como dous mozos escapábanse. Non o pensei, púxenme a correr detrás dun, que era o que levaba a carteira. Escondeuse no Hotel Rotilio e eu detrás, ata que o detiven e o esposei", relata.
Ana Vázquez lembra que o detido, un vello coñecido da xustiza que acumulaba máis de vinte detencións, "medía un metro oitenta e era corpulento fronte aos meus 1,60 metros e 50 quilos de peso, pero non me amedrentei. Inmobiliceino contra a parede e recuperei a carteira".
Asegura que se sente "especialmente orgullosa" dese caso, ao que lle seguiron outros roubos e mesmo un asasinato, "pero sempre me gustou o traballo na rúa.
Tampouco esquece cando nun operativo de tráfico durante unha concentración de motos, un motociclista que dera positivo en alcol quixo fuxir e pasoulle co vehículo por encima do pé.
Ía cun compañeiro e, segundo explica, "pasamos un momento difícil porque os amigos empezaron a rodearnos con actitude ameazante", aínda que todo quedou nun susto.
A súa vocación de prestación de servizo continuará en casa co coidado de familiares maiores ao seu cargo, pero asegura que tamén sacará tempo para unha das súas afeccións: as manualidades. "Gústame moito realizar traballos manuais con tellas e pintar", sinala.
O alcalde, Telmo Martín, recibiuna no último día de traballo no seu despacho xunto ao concelleiro de Seguridade, Jaime Leiro, e destacou que Ana " foi unha traballadora intachable, sempre disposta a axudar e colaborar en acadar un Sanxenxo máis seguro e mellor".