347 negocios adhírense á campaña 'Volta ao Cole'
Por Redacción
Unha lista de 347 pemes de diversos sectores conforman a lista de negocios adheridos á campaña municipal 'Volta ao Cole', que entre este martes e o 19 de setembro permitirá regalar 40 bonos de 75 euros entre os clientes que fagan as súas compras de inicio de curso nestes establecementos comerciais.
A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, impulsora desta iniciativa da plataforma #PonteLovers orientada a mellorar a competitividade do pequeno comercio, agarda que este listado "poida mesmo ampliarse nas vindeiras horas", xa que a firma que coordina a campaña, Pontevedra Digital, "aínda está pendente de confirmar a participación de até unha vintena de empresas".
Tal e como lembra a edil socialista, a lista de negocios será colgada na web do Concello para que os cidadáns as poidan consultar e achegarse a eles "para investir no comercio de proximidade e, ao mesmo tempo, ter a posibilidade de facerse cun dos 40 bonos de regalo que se lles entregarán cada vez que adquiran produtos nos establecementos adheridos (xa se trate de material escolar, roupa, libros...)".
Así, a diferencia da anterior edición, a Concellería de Promoción Económica optou por substituír o sorteo dos vales por un sistema de 'rasca e gaña', con bonos que poderán ser trocados en calquera dos locais participantes.
A campaña, que, á marxe dos premios, tamén incrementará o atractivo dos establecementos mediante unha cartelería común, estará orientada cara ao comercio local con venda a pé de rúa en xeral, apostando non só polos sectores vencellados directamente coa volta ao colexio, senón por todo tipo de pequeno negocio, dende perfumerías e ópticas a tendas de fotografía, música ou mercerías.
Quedan excluídas desta campaña de dinamización e promoción as grandes cadeas ou franquías, os profesionais da perruquería e da estética (que contarán este mes co seu propio salón, Rizando o Rizo), as farmacias, os supermercados, as froiterías e tendas de alimentación en xeral, a hostalería e a restauración, as empresas de servizos e todos aqueles negocios que non se dediquen á venda de produtos.
Relacionadas:
-
A campaña 'Volta ao cole' promocionará os comercios de proximidade con vales de 60 euros
Por María José Pita |
-
O Plan Impulsa de #PonteLovers pon en marcha as súas reunións grupais
Por Redacción |
-
Cruz Vermella activa a campaña "Volta ao Cole Solidaria" a favor da infancia en risco social
Por Redacción |
-
As clases empezarán de forma escalada por cursos e os escolares deberán levar unha máscara de recambio
Por Redacción |
-
O curso escolar comezará con folgas ante o "coste cero" das medidas da Xunta contra a COVID-19
Por Redacción |