O TSXG dá a razón á Xunta fronte aos hostaleiros e ratifica as limitacións ao lecer impostas pola Covid-19
Por Natalia Puga
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acaba de referendar as normas ditadas pola Xunta de Galicia para facer fronte á crise sanitaria da Covid-19 relativas ao sector da hostalería e o lecer nocturno, botando por terra as pretensións das asociacións de hostalería de Pontevedra, Lugo e A Coruña de que quedasen invalidadas.
Nun auto notificado este martes, o TSXG acorda denegar a medida autelarísima solicitada por estas tres asociacións, que solicitaban a suspensión da aplicación da orde da Consellería de Sanidade do 15 de agosto de 2020 en relación con varias medidas en concreto: o peche dos locais de discotecas e demais establecementos de lecer nocturno e a obrigación de peche dos establecementos de hostalería e restauración á unha da madrugada, sen que poida permitirse o acceso de ningún cliente desde a medianoite.
Os hostaleiros tamén recorrían a disposición que ordena o consumo dentro dos locais en barra ou sentados en mesa, ou agrupacións de mesas, asegurando o mantemento da debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes e tamén esta petición ten a oposición do Alto Tribunal.
O TSXG cre que desactivar estas medidas "significaría activar unha fonte importante de contaxios, que derivan non só da apertura de locais de lecer nocturno, e unha extensión no límite de apertura dos demais establecementos de hostalería, senón tamén dunha falta de distanciamento interpersoal, que representa unha das medidas de maior eficacia para evitar contaxios".
O auto sinala que o interese particular das empresas do sector da hostalería non pode prevaler sobre o interese xeral.
Ademais, sinala que estas medidas que cuestionan os hostaleiros adoptáronse para responder á situación de especial risco derivada do incremento de casos positivos e que as cifras de evolución da pandemia son "altamente preocupantes".
Os xuíces recoñecen que son coñecedores das "importantes perdas" que para o sector da hostalería supoñen estas medidas e que piden eliminalas para atallar e evitar os prexuízos económicos que están a causar a un colectivo cuxos beneficios se nutren principalmente da recadación en épocas do ano como é a época estival, grazas ao turismo.
O TSXG tamén nega noutro auto a suspensión cautelar solicitada por un particular doutra das medidas adoptadas pola Xunta, en concreto, o uso obrigatorio de máscara en praias, piscinas e establecementos de hostalería, aínda que se poida manter as distancia de seguridade de 1,5 metros
Os maxistrados indican que non pode prevalecer "o interese particular de quen sofre unha incomodidade no uso da máscara" fronte ao interese público, "cuxa salvagarda subxace na obrigación do seu uso". Esa incomodidade, de ningún xeito pode xustificar a non aplicación dunha medida de carácter sanitario que foi adoptada nun contexto de emerxencia de saúde pública xerada pola expansión do coronavirus a nivel de pandemia internacional, insisten os maxistrados.
Relacionadas:
-
O lecer nocturno da Hostalería de Pontevedra pide á Xunta un plan de rescate
Por Redacción |
-
O ritmo de contaxios volve crecer na área sanitaria: 28 positivos nunha xornada
Por Natalia Puga |
-
Pontevedra, unha cidade con poucos incumprimentos: só 37 cidadáns denunciados por non levar máscaras
Por Natalia Puga |
-
Reunión entre os Hostaleiros de Pontevedra e o Concello co compromiso de facer presión ante a Xunta
Por Redacción |
-
Asociación de Hostaleiros: "estase a criminalizar o lecer nocturno polas actitudes irresponsables de determinadas persoas"
Por Redacción |