Sete denuncias a dous locais da contorna da Peregrina por incumprir as normas anti Covid-19
Por Natalia Puga
Dous locais de hostalería situados na contorna do santuario da Peregrina foron obxecto a pasada semana dunha serie de inspeccións da Policía Autonómica e os axentes detectaron varias infraccións ás normas adoptadas para frear a Covid-19 que se traduciron en sete denuncias contra os responsables dos establecementos e 11 actas de infraccións a particulares.
Fontes da Consellería de Presidencia confirmaron que as actas de infracción aos particulares foron por mal uso ou falta de máscara nas inmediacións destes dous locais.
Os axentes da Policía Autonómica realizaron estas inspeccións en colaboración coa Policía Nacional o pasado mércores. Pediron a súa intervención porque na zona había moitas persoas.
Finalmente, os dous locais foron denunciados por exceso de aforo, incumprimento de horario de peche coa nova normativa anti Covid-19, falta de cartelaría da lei de drogas, incumprimento de distancias e contar con cámaras de seguridade sen estar estas anunciadas.
Os controis que deron lugar a estas denuncias forman parte do Plan de actuación específico destinado á inspección e control das medidas adoptadas pola Covid-19. Os axentes controlan que nos establecementos abertos ao público, centros comerciais ou zonas de ocio sexan respectadas as medidas sanitarias aprobadas para facer fronte á covid-19, como o uso obrigatorio de máscara, o aforo e acondicionamento dos locais, ademais da prevención do botellón e o cumprimento dos horarios.
A Xunta está prestando colaboración aos concellos no referente á inspección e control das medidas adoptadas polas autoridades competentes para facer fronte á crise sanitaria provocada pola Covid-19.
Relacionadas:
-
Unha decena de denuncias por incumprir as medidas anti covid-19
Por Redacción |
-
Máis de 600 persoas, identificadas en Galicia pola Policía Autonómica nos controis anti-covid durante a fin de semana
Por Redacción |
-
Tres novos establecementos hostaleiros sancionados na zona vella de Pontevedra por incumprir as normas anticovid
Por Manu Otero |
-
Pontevedra, unha cidade con poucos incumprimentos: só 37 cidadáns denunciados por non levar máscaras
Por Natalia Puga |